Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Ribadeo asegura que apoia á comarca da Mariña

APOIO DO GRUPO MUNICIPAL DO PP Á COMARCA DA MARIÑA

Defendemos os dereitos dos cidadáns, dos traballadores e facemos política ó servizo das persoas facendo propostas para a creación de emprego e en apoio ás empresas

O grupo municipal do PP quere facer público o seu apoio indiscutible ó futuro económico e social da nosa comarca como ven demostrando como formación municipal a través de distintos documentos e intervencións públicas.

Secundamos unha moción polo futuro da comarca da Mariña no pasado pleno ordinario porque estamos convencidos de que só facendo unha fronte común ante as adversidades, só unindo forzas e apoios de tódalas cores poderemos saír adiante e afianzar un futuro positivo para todos os veciños e veciñas. E este apoio é incondicional, superando calquera diatriba política ou partidista, a pesar do ataque directo, inxurioso e insultante doutras agrupacións, e a pesar tamén da difícil situación para facer valer unha política positiva, racional e emerxente.

O mal social e económico que nos afecta non ten a súa raíz na política do Partido Popular. O que sucedeu en Sargadelos, en Burela, en Mondoñedo, en Lourenzá, en San Cibrao, …. non ten a súa orixe nunha política de partido. O que si ten orixe nunha visión partidista, nunha interpretación demagóxica, nunha terxiversación dos feitos, é toda aquela iniciativa que pretenda sinalar como causante de tódolos males do mundo a unha persoa, partido ou agrupación. Ultimamente están saíndo á rúa panfletos nos que en nome da xustiza, da dignidade ou da verdade pretenden acusar a un partido da pandemia social e económica que estamos a sufrir, e esta é a inxustiza que, desde a nosa posición, queremos denunciar e para a que temos explicacións dabondo.

Nas catro propostas sobre o futuro da Mariña vai condensado tamén o sentir do grupo municipal do PP, pero non como unha insidia a outros grupos, nin como unha acusación a malas políticas anteriores. Nós defendemos de novo esas propostas porque así o fixemos en distintos ámbitos e así o publicamos de forma oficial. E vai de seguido a explicación:

Con respecto a solicitar que o goberno do Estado poña en marcha unha tarifa eléctrica que garanta a continuidade dos postos de traballo existentes na multinacional ALCOA e empresas auxiliares, o noso grupo municipal presentou unha moción no pleno do 14 de maio sobre OS CUSTOS DERIVADOS DA TARIFA ELÉCTRICA E O APOIO Á COMPETITIVIDADE DE ALCOA EN GALICIA, que foi aprobada por unanimidade.

Con respecto á segunda proposta sobre un plano estratéxico para o Hospital da Costa, a ampliación do noso hospital estará nos presupostos da Xunta do ano 2013. Esta intención está xa en proceso de elaboración e será presentada antes de que finalice o ano. Estes son os cimentos para poñer en marcha definitivamente un hospital na vangarda dos centros hospitalarios.

Con respecto á terceira proposta sobre un plano de industrialización para a comarca da Mariña así como apoio a iniciativas de autoemprego, o noso grupo municipal presentou unha moción o 23 de marzo SOBRE A PROMOCIÓN DO EMPREGO E APOIO Á CREACIÓN E CONSOLIDACIÓN DE NOVAS EMPRESAS NO CONCELLO DE RIBADEO, que, paradoxicamente, foi rexeitada polo Bloque Nacionalista Galego e contou coa abstención do representante do PSOE. O alcalde ademais sinalou que o seu espírito está con todo pero non están de acordo con algunhas medidas. Curioso que agora pretendan propoñer algo que no seu día nós propuxemos e que foi rexeitada por todos e cada un dos concelleiros e concelleiras do Bloque.

Por último, con respecto á proposta de instar á Xunta a un compromiso claro cos servizos públicos, educación, de maiores e escolas infantís, está claro que a aposta educativa na comarca pasa por unha renovación e actualización das infraestructuras que dea cabida a unha oferta global e mellorada, e esa renovación xa se está levando a cabo. Sobre a petición para os maiores, este grupo xa demostrou a propios e alleos o seu compromiso indiscutible con esta necesidade para a nosa comarca. E sobre as escolas infantís a Xunta aumentou as prazas da gardería desde as 70 ás 107, e está publicada xa a ampliación de 41 prazas para a nova gardería.

Todas estas propostas son, por tanto, asumidas como criterio de traballo polo noso grupo desde o comezo da súa andaina e nesa liña de traballo seguiremos. Estes son os feitos e non esa visión apocalíptica e interesada, esa visión partidista dos males do mundo que achacan a uns e non son asumidos por outros. Unha visión coa que intentan contaminar e entorpecer o día a día, xa complicado de por si, e coa que pretenden narcotizar e confundir ó pobo. Xa en distintas ocasións altos dirixentes veñen realizando xornadas culturais de lecer e reivindicativas (¿?) onde colocan como prólogo das súas actividades estas falacias políticas nun burdo intento de catequizar a uns e demonizar a outros e falando das verdades e das mentiras desde un só prisma. A nosa forma de traballo queda demostrada coas nosas propostas en positivo e non con acusacións vanas e argumentos panfletarios.

Ese é o noso traballo e o seguiremos realizando por interese social, con criterio político e coa paciencia, comprensión e a tolerancia necesaria nestes tempos difíciles. Aunemos esforzos e sairemos adiante.

Exit mobile version