Site icon Crónica3.com A Mariña

“O Prado das Chantas” está adicado á divulgación do patrimonio arqueolóxico do Valadouro

Xa se está a espallar polos estabelecementos, bibliotecas e centros sociais da bisbarra do Valadouro (parroquias de Alfoz e Ferreira) o número 79 da publicación O Prado das Chantas, adicada ao estudo e divulgación do patrimonio arqueolóxico do val, nomeadamente da zona dos Penidos. A devandita revista está editada pola asociación ecocultural Liga Céltiga Galaica.

Neste número ofrécese unha reportaxe gráfica encol do Camiño Primitivo que unía -aínda hoxe é prcticábel mais con dificultade- o conxunto pétreo denominado As Parañoas (onde se atopa unha magnífica gravura representando unha figura humana e tamén se pode observar unha reprodución da constelación de Casiopea) e as ruínas do mosteiro-cenobio da Santana. Esta antiga vía discurre arrentes do río Vao, unindo as parroquias de San Tomé e Santa Cruz, no concello do Valadouro.

O colectivo quéixase através desta revista do pouco respecto que existe polas importantes ruínas da Santana, onde hai poucos meses unha pá escavadora andou furando nas inmediacións para levar a cabo unha plantación de eucaliptos, tanto o labor da máquina como as raiceiras das devanditas árbores producen danos irreparábeis nos restos dos muros e habitáculos do vello mosteiro-cenobio, aínda nunca estudado en profundidade por expertos. Dende a LCG anímase ao Concello do Valadouro a contactar coa universidade para desenvolver unha cata co conseguinte estudo, sabendo así toda a riqueza patrimonial que agocha A Santana.

Quen desexe recibir a revista O Prado das Chantas através do correo elecrónico pode dirixirse a ligaceltigalaica@gmail.com

Como todos os anos no mes de agosto, a Liga Céltiga Galaica artellará un roteiro pola zona dos Penidos (San Tomé) baixo o lema “Encontro de Amigos nos Penidos”, convidando a participar a todas as persoas que desexen coñecer o riquísimo patrimonio arqueolóxico da zona.

Exit mobile version