Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Cervo critica que se active o servizo de socorrismo tarde e coa metade de persoal

O GOBERNO DE CERVO ACTIVA O SERVIZO DE SOCORRISMO DESPOIS DE VINTE DÍAS DE VERÁN COA METADE DE PERSOAL QUE O ANO PASADO

-Os socialistas subliñan que ademais de tarde e mal, “este goberno minte ó considerar abondos 10 vixiantes, cando o ano pasado xustificaron a contratación de 20 persoas por temas de seguridade”

CERVO, 10 DE XULLO. O servizo de socorrismo no Concello de Cervo chega tarde, mal e arrastro. Así o califican os membros do Grupo Municipal Socialista ó asegurar que “pasados vinte días dende o comezo do verán, o señor alcalde por fin se lembrou de que as praias e as piscinas necesitan o servizo dos socorristas”.

Tarde e mal, porque este ano teremos a metade de vixiantes que o ano pasado. Os socialistas subliñan que “nós alertamos ós veciños de que o servizo se ía ver mermado, as nosas previsións eran certas. Tan mermado que en lugar de contar con 20 socorristas coma no 2011, a nova contratación deste verán só seleccionou a 10 persoas para as tarefas de vixilancia. E grazas que alomenos conservarán durante este mes os cinco socorristas que levan traballando nas piscinas durante todo o ano”.

Cos datos na man, a seguridade nos areais de Cervo será máis escasa ca nunca. Dende o PSOE din que “non podemos consentir que este equipo de goberno afirme que as praias están acondicionadas con persoal abondo para garantir a seguridade dos bañistas, cando o ano pasado eles mesmos se empeñaban en dicir que 17 socorristas para o noso Concello eran insuficientes e tiveron que contratar en agosto a tres persoas máis”.

Ademais de tarde e mal, arrastrando unha mentira tras outra, pois “só podemos barallar dúas opcións, ou se nos mentía o verán pasado ou se nos está mentindo agora”.

Exit mobile version