Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Cervo vota en contra dos orzamentos porque non reflexan partidas dirixidas ó fomento do emprego e a economía local

OS SOCIALISTAS DE CERVO VOTAN EN CONTRA DOS ORZAMENTOS PORQUE NON REFLEXAN PARTIDAS DIRIXIDAS Ó FOMENTO DO EMPREGO E A ECONOMÍA LOCAL

-Non entenden “certos agravios comparativos entre asociacións á hora de repartir contías, gastar máis de 22.000 euros en propaganda ou que non se explique o destino de 106.300 euros que inclúen en gastos diversos”

-Presentarán nos vindeiros días as correspondentes enmendas a uns presupostos que consideran “cheos de intereses persoais e partidistas que priman sobre a situación real e as necesidades dos veciños”

CERVO, 20 DE XULLO. Os membros do Grupo Municipal Socialista de Cervo explican o seu voto en contra dos presupostos presentados polo equipo de goberno no último pleno xa que “son uns orzamentos baleiros de contido que non terán ningunha utilidade nin aplicación e nos que o señor Villares prima os seus intereses partidistas por riba da situación real e as necesidades dos veciños”.

Tan só con comezar pola partida de gastos, que ascende exactamente a 6.456.734,34 euros, xa nos damos conta da falta de iniciativas e deixadez que caracterizan a este goberno. “Case o 40% se destinará a gastos de persoal e se engadimos os gastos correntes, xa superamos o 60% da cantidade total. Con isto, tan só nos quedaría un 38,5% para políticas activas de inversión, fomento de emprego, promoción, prestacións sociais”.

Pero o certo é que non se cubrirá nin ese 38,5% para este tipo de medidas, porque debemos contar con certos gastos fixos, como son o servizo de augas, a xestión de residuos…, o resto quedará nun segundo plano, “en canto a políticas de fomento do emprego non se destinará nin un só euro a novos traballos, pois básicamente o 100% da partida está dirixida á contratación dun axente de emprego que xa traballa no concello”.

Villares e o seu equipo miran para outro lado en canto a estes asuntos e mentras “empregan 22.300 euros en publicidade e propaganda e 90.000 euros en gastos xurídicos contenciosos, que non son máis que neglixencias e erros do propio alcalde, que temos que asumir tódolos veciños”.

Aínda por riba, parece que para este goberno seguen existindo veciños de primeira e de segunda, as contas municipais amosan uns agravios comparativos excesivos entre asociacións do concello, “non se entende que algunha agrupación da que forman parte concelleiros ou a Asociación de Xubilados leven 2.500 euros, que se destinen 24.000 euros para entidades deportivas, e que a Asociación de Comerciantes de San Ciprián (ACIA) se teña que conformar con tan só 700 euros, cando son os encargados de activar a economía local e a actividade do municipio. Para o señor Villares prima máis quen dirixe cada entidade que non a finalidade real para a que se destinan os cartos”.

Ademais da falta de inversión e fomento do concello, dos gastos particulares de promoción e resolución das faltas do alcalde ou a diferenciación entre veciños, “non podemos consentir que tamen haxa partidas nas que non se especifique en qué se van gastar certos cartos, teñen a desvergonza de rotular un total de 106.300 euros baixo o título de gastos diversos e quedan tan contentos. Esiximos que se dé unha explicación porque máis de 100.000 euros poden dar para moito”.

Evidentemente con todos estes datos, “é imposible que poidamos votar a favor duns presupostos que non se ciñen á realidade, faltos de políticas que fomenten o emprego e que activen a economía local e cheos de intereses partidistas. Presentaremos nos vindeiros días as enmendas correspondentes para lograr uns orzamentos que teñan en conta a situación real e que reflexen medidas de mellora para o futuro”.

Exit mobile version