Site icon Crónica3.com A Mariña

O vaso medio baleiro

O vaso medio baleiro

A INNOVACIÓN E OS RECURSOS ASISTENCIAIS foron ata o de agora os dous principais baluartes de Xove, recoñecidos dentro e fóra do noso concello como factores diferenciadores respecto ao resto de municipios do noso entorno.
No primeiro apartado, o da innovación, poderiamos incluír todas aquelas actividades que dalgún xeito foron pioneiras na Mariña e na provincia. Entre elas: a piscina municipal ou a escola de música. No segundo, o referido ao eido asistencial, Xove sempre se caracterizou por ser un municipio cun nivel de servizos sociais por enriba da media.
A Xunta baixou a persiana. Xa non financiará as políticas sociais das localidades de menos de 20.000 habitantes. Lonxe de rebelarse, parece ser que os esforzos dos seus acólitos en Xove se dirixen unicamente a desacreditar os nosos servizos diferenciadores. Queren convencernos de que nos debemos igualar aos demais concellos “por abaixo”, tal e como ordenan os sumos sacerdotes do partido, e nunca “por arriba”, non vaia ser que queiramos incrementar a nosa cobertura social.
A pesar desta obsesión, a de igualarnos por abaixo, parece que o equipo de goberno local non se sinte obrigado a predicar co exemplo. De feito, hai un ano acordaron unha suba dos seus propios emolumentos un 26% de media en relación á anterior lexislatura. Unha cantidade que, entre salarios e seguridade social a cargo do Concello, ascende a 140.000 euros anuais só para catro políticos. En cambio porfían en igualarnos por arriba noutras áreas, como por exemplo no último pleno ordinario celebrado en Xove, no que os mesmos concelleiros que sustentan o goberno local decidiron subir a taxa mensual da Escola Infantil ata un 500%.
Pode resultar curioso, pero tanto para as subas salariais propias como para as subas de taxas alleas utilizaron os mesmos argumentos. Do que non se decataron aínda é de que todo está inventado e, como xa dixera o cineasta francés Jean Cocteau: «un vaso de viño medio baleiro tamén é un vaso de viño medio cheo, pero unha mentira a medias de ningún xeito supón unha media verdade». As cousas son como son.

Marco López
Portavoz do BNG de Xove

Exit mobile version