Site icon Crónica3.com A Mariña

Opina o BNG que o primeiro ano de goberno do PP en Burela foi nefasto

PRIMEIRO ANO DE GOBERNO DO PP: UN ANO NEFASTO PARA BURELA

Hai agora un ano o equipo de goberno do PP tomou posesión dos seus cargos e, dende o BNG, cualificamos este primeiro ano como un ano nefasto para Burela por tres razóns que calquera veciño ou veciña da nosa vila pode apreciar no día a día.

En primeiro lugar, pola nula xestión que o equipo de goberno do PP desenvolveu nestes meses (eles mesmos o recoñecen no seu balance: continuidade e nada novo). Tres persoas, que cobran dedicacións exclusivas que ascenden a 100.000 € ao ano, non foron capaces de presentar ningún proxecto de futuro, ningunha obra nova, nin xestionar novos recursos económicos para que todas as actividades do CIM, as escolas deportivas e os talleres para as persoas maiores, por exemplo, non tivesen que ser pagados polos usuarios e chegar a acordos con outras administracións para subvencionalos.

En segundo lugar, enganaron os veciños e veciñas de Burela cando lles prometeron na campaña electoral que non ían subir os impostos (e aí temos o tema da auga, por exemplo, ou as taxas municipais por utilizar as instalacións municipais); mentiron ás asociacións e colectivos cando lles prometeron subvencións e agora non hai nada de nada (e aínda teñen que pagar por utilizar as instalacións municipais para desenvolver as súas actividades, suplindo así a falta de iniciativas e programación da Concellería de Cultura, por exemplo) e enganaron os rapaces e rapazas do deporte base cando lles quitaron as axudas municipais para estas actividades.

E, en terceiro lugar, non só non foron capaces de xerar ningún proxecto novo nin ningunha nova proposta senón que se dedican a viaxar por despachos e consellerías sen que as súas supostas xestións dean ningún froito. As tres persoas que cobran dedicación exclusiva, pero principalmente o Alcalde, levan gastado máis de 3.000 € en dietas (só coñecemos estes datos ata o mes de abril, agora xa haberá máis). E, cal é o resultado de tanto gasto? Pois, non se ve por ningún lado.

O resumo deste primeiro ano de goberno municipal do PP en Burela é: apagar luces (xa se verá a final de ano se se cumpren as previsións de aforro que tanto vende o Alcalde), subir os impostos e as taxas, cobrar por todo aos veciños, non apoiar a cultura e o deporte de Burela, deixar os maiores tirados na rúa, suprimir servizos sociais (como a Unidade de Atención Temperá, segundo se recollía no Plan de Axuste aprobado en marzo) e, en definitiva, viaxar e viaxar para nada (porque nada sabemos do acceso ao porto, da ampliación do Hospital ou de se a autovía nos vai cortar o pobo en dous). Iso si, o presidente da Xunta deixouse caer por aquí, despois de case catro anos de goberno, para rirse de todos nós falando do Plan Director do Hospital ou da construcción dunha nova escola infantil pero sen ningún compromiso firme, nin prazos, nin orzamentos.

Pero, xa para rematar este balance do primeiro ano de goberno do PP no Concello, gustaríanos facer referencia a dúas cuestións máis concretas que demostran o talante deste equipo de goberno.

Dende o mes de xaneiro e ata agora a finais de xuño houbo dúas persoas contratadas no Concello para a Oficina de Turismo (en base a unha subvención da Xunta para este concepto). Pois ben estas dúas persoas exerceron o seu traballo nas dependencias da Casa do Concello atendendo á centralita do teléfono, facendo as funcións de secretaria do Alcalde ou cubrindo baixas de persoal municipal noutros despachos. E a Oficina de Turismo e o Barco Museo pechados. Esa é a aposta polo Turismo deste equipo de goberno. Ben, turismo si que fai o Alcalde con tanto viaxe e será por iso que necesitaba secretarias particulares.

E a outra cuestión máis grave ten que ver coa recente contratación de 12 persoas para os GRUMIR. Á parte de facer unha contratación sen haber unhas previas probas de selección e de que algunhas das persoas seleccionadas son recoñecidos activistas do PP de Burela, agora resulta que non están facendo as funcións para as que foron contratadas como GRUMIR senón que algunhas delas están na Oficina de Turismo, ou cubrindo baixas nalgunha oficina do Concello ou na Casa da Xuventude facendo outros labores.

Estes dous exemplos concretos demostran, por un lado, a pouca importancia que ao Turismo lle dá o PP de Burela (no primeiro caso) e, por outro, que o amiguismo volveu ao Concello con estas novas contratacións de GRUMIR que, por enriba, non están exercendo o traballo para o que foron subvencionadas.

Un ano perdido para Burela, un ano en branco, que o único que nos trouxo é escuridade polas rúas, acabar coa cultura e o deporte de base, non facer nada máis que queixarse e, iso si, viaxar moito para ver mundo pero sen ningún resultado concreto.

Exit mobile version