O PSdeG-PSOE esíxelle ó PP que “deixe de castigar ós lugueses” porque só coa suba do IVE terán que pagar 35,6 millóns de euros
– O Secretario de Organización explicou que dos 56.440 millóns que prevé recadar o Goberno Central, o 40% proceden do incremento deste Imposto, que no caso da compra dunha vivenda pode aumentar nun 150%
– A suba desta taxa sobre o consumo terá un impacto económico tres veces maior no sector agropecuario, pois os gandeiros da provincia estarán obrigados a pagar, como mínimo, preto de 20,7 millóns de euros ó ano
– As medidas de Rajoy castigan notablemente ás familias e coidadores de persoas non válidas de Lugo, xa que, malia ser a provincia coa taxa de dependentes na casa máis alta de Galicia, a prestación por coidador redúcese nun 15%
– Santín anuncia que os socialistas, no Pleno da Deputación e nos 67 Concellos, manifestarán a súa oposición ás drásticas medidas, instando ós Executivos Central e Autonómico a favorecer o crecemento económico e a diminuír os 26.700 parados que ten hoxe Lugo
Neste senso, o socialista subliñou que “atrás quedan aquelas declaracións nos medios de comunicación nas que o Presidente do Goberno, pouco antes das eleccións, dicía alto e claro que non ía subir o IVE, e que remataría co paro en tres meses…..Hoxe, 7 meses despois de que Rajoy tomase posesión (21 decembro), a situación empeorou notablemente. Coa súa política, os desempregados e pensionistas verán reducida a súa prestación mentres teñen que pagar máis por todo o que consumen a diario. E a clase media desta provincia, á que pertencemos todos nós, os traballadores, os autónomos, os emprendedores, funcionarios, gandeiros… está sendo machacada a impostos mentres que ós ricos defraudadores se lles conceden amnistías fiscais”.
Diante “esta política errónea”, o Partido Socialista na provincia pídelle ós Gobernos do Partido Popular “que deixen de castigar ós cidadáns de Lugo”. Para elo, tanto no Pleno da Deputación, que se celebrará o vindeiro martes, como en todos os Concellos presentarán propostas en contra das drásticas medidas do Executivo Central para que tanto o Goberno estatal como o autonómico favorezan o crecemento económico, e con elo a diminución do número de desempregados na provincia.
O Secretario de Organización explicou que o Executivo Central agarda conseguir co seu plan 56.440 millóns de euros, e isto será posible grazas ó recorte de servizos básicos e necesarios, así como á suba de impostos. Deste xeito, sinalou que o 40% do que prevé recadar procede do incremento do IVE, que entrará en vigor a partires do 1 de setembro. A suba do Imposto de Valor Engadido Xeral do 18 ó 21% e, a do Reducido, do 8 ó 10% na provincia, retirará do mercado a circulación de 15,5 millóns de euros no primeiro caso e de 21 millóns de euros no segundo.
Este incremento provocará, tal e como sinalou González Santín, serios problemas ós cidadáns para adquirir, por exemplo, unha vivenda. “Se antes se pagaba por cada 100 euros 4 de IVE, agora teremos que achegar 10. É dicir, para un piso ou casa de 100.000 euros no mercado, o custe do imposto pasará dos 4.000 ós 10.000 euros, incrementándose así nun 150%”, engadiu.
Así mesmo, o socialista fixo especial fincapé en como repercutirá a suba desta taxa para aquelas persoas que vive do campo, e que son a gran maioría na provincia. O incremento deste Imposto sobre o consumo terá un impacto económico tres veces maior no sector agropecuario que o efecto medio sobre o conxunto dos cidadáns. Segundo datos proporcionados por colectivos prefesionais, este será como mínimo de 1.350 euros ó ano. Por tanto, se se multiplica esta cifra polas 15.290 explotacións que están rexistradas na provincia, “obtemos que os gandeiros deberán de pagar, como mínimo, preto de 20,7 millóns de euros máis ó ano pola suba do IVE. E digo como mínimo, xa que ademais terán que facer fronte á suba de servizos executados por terceiros como os veterinarios, nos que a taxa pasará do 8 ó 21%”.
Os dependentes, os grandes perxudicados
A Dependencia é outro dos sectores que se verá gravemente prexudicado. En Lugo, a repercusión aínda é máis importante se cabe se se ten e conta que, xunto coa de Ourense, é unha das provincias máis avellentadas de Galicia, pois, tal e como indica o Institituto Nacional de Estatística, o 34% da poboación -119.408 persoas- supera os 60 anos, e é a terceira provincia galega co maior número de persoas dependentes en lista de espera. Ademais sitúase como a provincia coa taxa máis alta da Comunidade en cidadáns na casa con algún tipo de necesidade que precise a atención externa. Tal é así, que o 11,85% dos fogares lucenses conta con algún depedente.
As medidas de Rajoy perxudicarán notablemente ás familias e coidadores de persoas non válidas da provincia, xa que a prestación por coidador redúcese nun 15%, o que supón unha medida de 60 euros ó mes Asemade, tamén se supende o convenio especial de seguridade social dos coidadores non profesionais e se paraliza por dous anos as prestacións económica por coidados no contorno familiar. “Por tanto, se a isto se lle engade que a Lei de Dependencia creou en Galicia máis de 6.000 empregos, coas medidas aprobadas polo goberno tamén se vai aumentar o paro neste sector”.
Santín indicou, ademais, que a eliminación da paga extra dos funcionarios -representan o 27% dos traballadores en activo na provincia- suporá unha merma nos seus ingresos e, polo tanto, nas compras que estes farían na campaña de Nadal. Só esta redución merma o gasto en Lugo en 26 millóns de euros, “o que vai ter unha consecuencia nas contratacións das PEMEs nesas datas”. Así mesmo, destacou que a cifra dos máis de 26.700 parados que hai hoxe na provincia, segundo os datos facilitados pola Consellería de Traballo o mes pasado, tamén verán reducido os seus ingresos por desemprego a raíz desta reforma. “Dende a reforma laboral do PP na que se abaratou o custe por despido, estes aumentaron. Dende este cambio preto de 1.000 traballadores se viron afectados por un ERE e agora o 73% dos novos desempregados sufrirán recortes. Desaparece o subsidio para maiores de 45 anos e a Renta Activa de Inserción ten un novo requisito: esgotar a prestación de desemprego, o que implica que moitos dos perceptores perdan esta axuda”, precisou o Secretario de Organización.
Menos consumo, menos produción e máis paro
O socialista lucense defendeu que as consecuencias das medidas do Presidente do Goberno só contribuirán a reducir o consumo, e con elo a produción e a renda dispoñible das familias, e, por ende, ó incremento do número de parados. Neste senso, destacou que “a realidade é que dende que goberna o Partido Popular os pensionistas teñen que pagar 12 millóns de euros ó ano polos medicamentos; a partir do 1 de setembro, a Xunta de Galicia eliminará unidades escolares e prazas de mestre e Galicia ten hoxe 1.100 docentes menos; o pioneiro modelo educativo de Prescolar na Casa non volverá ás casas ó ser suprimido; a Xunta leva meses sen pagar o cheque infantil das gardeirías, quedando alomenos 4.000 rapaces sen praza en toda Galicia e máis de 100 só na comarca da Mariña; que moitos mozos que van a Universidade, quedaran sen bolsas de estudo, e só os que máis teñen poden seguir pagando a Educación; e que as familias paguen máis pola luz, o gas, o teléfono, a cesta da compra….”
A este respecto, o Secretario de Organización engadiu que “todo isto lévanos a conclusión de que o Estado do Benestar do que gozabamos ata o de agora esta agonizando coas medidas que esta a tomar o goberno do PP”.