OS NORMANDOS E A QUEIMADA
Certa vez que, por estar o vixiante do castro cumprindo cos deberes matrimoniais, nos que ninguén podía sustituílo, pois corría o risco de que, polos cornos, o confundiran cun vikingo, esqueceulle mercar material para facer o lume. Entón, ó ver que o lumieiro xurdía da parte de Burela avisando dunha invasión, tivo a idea de recurrir a unhas barricas que contiñan a destilación de pelexos de uva do país, cepas albariñas traídas dende o Rhin, e plantadas polos monxes de Cluny en todo o feudo do arcebispo Xelmírez. Era un alcol de bagazo, augardente, que recibía o nome de “raspa”.
O lume fixo efecto e os normandos non deron cos tesouros, ben gardados, Pero isto ía ter outra consecuencia: foi que ó chegar a terra, na praia de Arealonga, e organizar unha festa, costume vikinga, non deron co augardente, aínda que sí con outro licor que quedara de residuo do lume, e probárono. O efecto foi tan contundente que decidiron non voltar a terras galegas, a cambio da fórmula da deleitosa bebida. O vixiante, que non sabía cómo chamar ó novo brebaxe, púxolle un nome en relación co obxetivo para o que o empregara o chamouno “queimada”, que chegou ós nosos días, e aínda hoxe nos rendemos á súa exquisitez. É iste o primeiro achádego das pesquisas que dirixe Piñeiro, do que Paleo se sente fachendoso. Pode que o Desembarco Normando de Foz remate aclarando moitas dúbidas históricas, coma ésta das orixes da “queimada”. Seguro que, sen tardar, o audaz Piñeiro, e os seus, darán con outros ignotos documentos para mellor coñecer a verdade da nosa historia.. . Veleiquí a mostra.
Suso Fernández
.