Site icon Crónica3.com A Mariña

Reis autóctonos

REIS AUTÓCTONOS

Na anterior entrega desta ollada ó pasado, contamos ós nosos lectores – se é que alguén nos le-, como para a Cabalgata de Reis de 1959- a primeira da vila -, as SS.MM. chegaran a Foz tras cumprir o seu compromiso en Ribadeo, de onde eran oriúndos. Pero para o ano seguinte xa o concello arranxou as vestimentas precisas e entón ese ano – 1960- saíron á rúa os que eran os Reis autóctonos que, ata o día de hoxe, non abandonaron o territorio da súa soberanía. Naquela primeira ocasión estaban encarnados por Javier Morán, como Melchor: este cronista, Gaspar e un personaxe foráneo que durante unha longa tempada residiu na vila, chamado Terencio, que se facía pasar polo rei Baltasar Saíran os tres da escola de Fondós (aínda non era Gardería) sobre o lombo dos que, durante anos prestaron tal servizo: os cabalos de Culata, o Fero de Mañente e o de Antón María de Simón. Aínda lembramos o rictus de preocupación que se debuxou na faciana de Cándido de Culata cando se percatou de que o seu xove corcel ía montalo xinete que excedía, moi xenerosamente, os cen quilos de peso… A cabalgada desenvolveuse sen incidentes e o nobre cuadrúpedo voltou, indemne, para o cortello…Nos xardíns Conde de Fontao era o lugar sinalado para a concentración e alí, acompañado polos sons de trompetas e tambores dos “flechas”, detívose o desfile para que os Soberanos se dirixiran a uns cidadáns expectantes, non acostumados a escoitar as verbas de tan poderosos oradores; acto que moitos anos despois foi degradado alevosamente ó substituír reis por alcaldes… Unha Cabalgata daqueles tempos que quedou na memoria colectiva foi a do ano 1963. Daquela, á parafernalia xa consolidada engadiuse un desfile de carrozas coa participación de catro: Irmandade de Labregos, Confraría de Pescadores, Peña da Rapadoira e Cooperativa do Campo San Xoan de Vilaronte, que foron premiadas nese orde e recibiron a cantidade de 1000, 500, 300 e 200 pesetas, respectivamente. A idea, que xurdira na “Peña”, niño de tantas iniciativas culturais e sociais, fora todo un éxito. As fotos da revista A Rapadoira son testemuño.

Suso Fernández

Exit mobile version