Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo acollerá durante todo o mes de agosto un curso de formación teatral

A ACTRIZ COMPA CAMPOY IMPARTIRÁ UN CURSO DE FORMACIÓN TEATRAL EN RIBADEO

O curso desenvolverase durante o mes de agosto no cine teatro de Ribadeo, e conta con 20 prazas das que aínda resta algunha libre

Ten un custe de 20 euros ou 10 euros para as persoas que están dentro dos circuítos Buxiganga

Lugo, 31 de xullo de 2012. Ribadeo acollerá durante todo o mes de agosto un curso de formación teatral impartido pola actriz Comba Campoy. Esta acción formativa insírese dentro de Buxiganga, o proxecto teatral da Área de Cultura da Deputación de Lugo.

Para este curso, que terá lugar os días 2, 7, 9, 14, 21, 23, 28 e 30 de agosto entre as 20.30 – 23.00 horas no Salón Teatro de Ribadeo, existen aínda prazas libres dentro das 20 totais con que conta o curso. Ten un custe de 20 euros ou 10 euros para as persoas que están dentro dos circuítos Buxiganga, e para inscribirse as persoas interesadas poden dirixirse ao teléfono 982-260-141 ou ao correo electrónico ruben.culturaedeporte@deputacionlugo.org

Este curso é unha invitación ao xogo. Xogar a ser outras persoas, a contar a través da recreación de situacións e emocións, a través dos nosos corpos, para comunicarllo a un público. Iso é o teatro, unha das formas máis antigas de xogo que coñecemos.

Ao longo das distintas sesións, aprenderemos a soltar os nosos corpos para preparalos para xogar, creando distintos personaxes e situacións. O corpo é a nosa ferramenta de traballo e polo tanto é fundamental unha posta a punto para poder sacarlle o máximo partido antes de enfrontarnos ao traballo cun texto teatral.

Prepararemos algunhas escenas breves da literatura dramática galega e universal. Desta maneira, iniciarémonos no traballo con textos para a preparación dun papel e a creación de personaxes, a comprensión das súas motivacións e os métodos máis eficaces para a memorización e dicción dos textos.

E como o teatro non existe sen un público, a presentación dunha mostra do traballo realizado durante o curso será a conclusión imprescindíbel para poñernos, definitivamente, en escena.

Exit mobile version