Site icon Crónica3.com A Mariña

Segúndo o BNG, na provincia de Lugo os parados de entre 16 e 25 anos supoñen o 67,5% da poboación activa

O BNG ACUSA XUNTA DE SITUAR A LUGO Á CABEZA DO DESEMPREGO XUVENIL

Na provincia de Lugo os parados de entre 16 e 25 anos supoñen o 67,5% da poboación activa

O responsable comarcal do BNG asegura que “o PP está condenando á xuventude á emigración até o punto de que en tres anos 2000 mozos abandonaron A Mariña”

A Mariña, 10 de xullo de 2012. Unha delegación da Executiva do BNG mantivo na xornada de hoxe un encontro coa Dirección Comarcal de Galiza Nova, organización da mocidade do BNG, onde analizaron a situación do emprego xuvenil na Mariña, as repercusións que as recentes decisións en materia de política económica ven de adoptar o Goberno así como as alternativas que os nacionalistas defenden ao respecto.

O responsable do BNG na Mariña, Antonio Veiga, califica de “alarmantes e preocupantes” os datos de desemprego xuvenil na comarca que, dende maio de 2009 a maio de 2012, se incrementou un 15 por cento. Aumento que, segundo explica o líder nacionalista, é “especialmente significativo nos concellos de Burela e Viveiro onde o paro entre os menores de 25 anos ascendeu un 38 e un 24,14 por cento respectivamente.”

Ante esta situación, Antonio Veiga denuncia “a incapacidade do Goberno galego para frear a sangría do paro xuvenil na comarca da Mariña. As políticas de recorte e a falla de plans de emprego específicos para os menores de 25 anos están a deixar sen futuro ao principal activo do país, á xuventude. É máis este aumento do desemprego xuvenil non é quen de paralo incluso a propia pirámide demográfica de moitos Concellos da Comarca onde a poboación de 65 anos xa supera ao resto da poboación total como acontece en Concellos como Ourol ou Muras. Tanto é así que hai concellos na Mariña onde apenas fican persoas nesta franxa da idade”.

“A inexistencia dunha política activa para favorecer oportunidades laborais –insiste o responsable do BNG- está a condenar aos máis xóvenes á emigración con todas as consecuencias negativas que iso ten para A Mariña. Cada ano é maior o número de mozos e mozas menores de 25 anos que abandonan os concellos da comarca, o que fai, incluso, que nalgúns concellos pareza que diminuíu a taxa de desemprego xuvenil Tanto é así que nos últimos tres anos preto de 2000 mozos menores de 25 anos vironse na obriga de abandonar a Comarca destino a outros territorios de Galiza, do Estado e fundamentalmente de Europa.”

Para os nacionalistas A Mariña necesita actuacións urxentes e por iso reclaman ao executivo que preside Núñez Feijóo un plan de emprego xuvenil que atenda as especificidades da comarca e que ademais estea deseñado para reducir o desemprego feminino que, en tres anos, superou o 20 por cento. “A crise fai aínda máis importante a posta en marcha de políticas de emprego con perspectiva de xénero”.

Para Antonio Veiga “os últimos tres anos foron unha perda de tempo e oportunidades para Galiza, para Lugo e para esta comarca. Co Partido Popular na Xunta o desemprego xuvenil acadou cifras récord; soamente na provincia de Lugo os parados de entre o 16 e 25 anos supoñen o 67,5% da poboación activa. Ademais, a isto temos que sumarlle que hai menos ensino público, menos axudas para o estudo e a investigación, menos acceso á vivenda e nos concellos do medio rural precarizáronse os servizos públicos.”

“ A Mariña esta a vivir unha situación limite” afirmou Veiga quen indicou que “as medidas que anunciou o Goberno do Estado e que ten previsto aprobar no Consello de Ministros do venres non van facer máis que aumentar o desemprego e empobrecer ao conxunto da sociedade. Seguen erre que erre tentando aplicar as mesmas políticas que fracasaron xa no período Zapatero e que a Comisión Europea e o Fondo Monetario Internacional están aplicando en Grecia e en Portugal. En definitiva o aumento do IVE, a destrución de preto de 300.000 empregos no sector público e a política de recortes so vai provocar que as taxas de paro aumenten aínda máis como recoñece a propia OCDE, xa que se trata de medidas que gravan directamente ao consumo”.

Exit mobile version