Sete organizacións empresariais e sociais da provincia impartirán a formación ós 340 beneficiarios do Pacto polo Emprego
– O Presidente asinou hoxe os convenios coas entidades: Unións Agrarias-UPA; APEC; Fundación Laboral da Construción; Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo; Fundación Lucus Augusti; e as delegacións luguesas de Cruz Vermella e COGAMI
– Besteiro destacou a aposta da Deputación “pola formación nas profesións con máis futuro como fórmula para combatelo paro, fronte ó recorte dun 40% aplicado polo Goberno central no orzamento destinado a cursos para desempregados en Galicia”
– A lista definitiva de admitidos no Pacto publicarase esta semana na web www.deputacionlugo.org e as accións formativas arrancarán o día 30
Gómez Besteiro subliñou que, coa segunda fase do Pacto polo Emprego, cofinanciado ó 80% polos fondos FEDER da Unión Europea, “consolidamos a nosa aposta pola formación nas profesións con máis futuro –aquelas relacionadas cos servizos sociais, o medio ambiente e as novas tecnoloxías- como unha das mellores fórmulas para loitar contra o desemprego, sobre todo cando vemos que, segundo datos da EPA, Galicia conta na actualidade co mesmo número de ocupados que hai 10 anos, pouco máis de 1 millón de persoas, é dicir que volvemos a cifras do 2002”. En Lugo, continuou, “temos 26.737 veciños nas listas do paro, polo que temos que abrirlles novas oportunidades laborais, e non facer como outras administracións –en referencia ó Goberno Central- que reduciron este ano en máis dun 40% o orzamento destinado a cursos para parados en Galicia”.
O mandatario provincial avanzou que o listado definitivo de admitidos no Pacto polo Emprego publicarase ó longo desta semana na web da Deputación www.deputacionlugo.org e que as accións formativas arrancarán o vindeiro luns, día 30 de xullo, e prolongaranse ata finais de novembro.
Na sinatura dos convenios estiveron, xunto ó Presidente, o secretario adxunto de Organización de Unións Agrarias-UPA, Mariano López Nieves; o presidente da Asociación Provincial de Empresarios da Construción (APEC) e da Fundación Lucus Augusti, Hipólito Trinidad Losada; o xerente da Fundación Laboral da Construción, Fernando García Novo; a presidenta da Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo (AELU), Beatriz Varela Regueira; o presidente do comité provincial de Lugo de Cruz Vermella, Luis Abelleira Mayor; e o Presidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), Anxo Queiruga Vila.
Estas sete organizacións ocuparanse de impartir de xeito directo a formación teórica, e logo farán de mediadores para que os alumnos poñan en práctica estes coñecementos en empresas e asociacións da provincia estreitamente vinculadas coas áreas nas que recibiron formación. Deste xeito, garántese unha formación de calidade e o mellor adaptada posible ás demandas do mercado laboral, pois impártese a través de organizacións do sector.
Que entidade se ocupará de cada curso
Os cursos que impartirá cada entidade son os seguintes:
– Cruz Vermella: Coidador de Discapacitados Físicos e Psíquicos; e Auxiliar de Enfermería en Xeriatría.
– COGAMI: Atención Especializada para Enfermos de Alzheimer.
– Unións Agrarias-UPA: Actividade Auxiliares en Viveiros, Xardíns e Centros de Xardinería; e Produtor de Hortalizas Ecolóxicas.
– Fundación Lucus Augusti: Dinamización de Actividades de Tempo Libre Educativo Infantil e Xuvenil; taller de emprendemento; e Técnico en Comercio Exterior.
– Fundación Laboral da Construción: Edificación Sostible.
– APEC: Instalador de Impermeabilización; e Mantedor, Reparador de Calefacción e Auga Quente Sanitaria.
– Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo: Xestión Comercial das Vendas.
En canto ó curso de Servidores e Páxinas Web, a Deputación impartirao a través da Fundación TIC, aproveitando desde xeito recursos propios.
A duración da parte teórica e da práctica depende de cada acción formativa, podendo consultarse tódolos detalles de cada un deles na páxina web da Deputación www.deputacionlugo.org
Axuda económica
Os participantes recibirán durante todo o período formativo, que concluirá en novembro, unha axuda económica que non pode superar o 75% do IPREM (Índice Público de Renda de Efectos Múltiples) para este ano 2012, é dicir, aproximadamente 400 euros. Esta axuda é compatible coa prestación por desemprego ou con outras axudas públicas con esta mesma finalidade, sempre e cando o conxunto das rendas percibidas non supere o 75% do IPREM, isto é 400 euros.
Máis inserción laboral
Coa segunda fase do Pacto Provincial polo Emprego, a Deputación dá continuidade ós proxectos que, a pesar de non ter as competencias directas en emprego, leva impulsado para dinamizar o mercado laboral, tales como a propia primeira parte do Pacto, na que participaron 575 persoas, das que máis de 100 seguiron traballando; o Plan Lugo Emprega, que deu traballo a 711 persoas, ou as becas medioambientais Lug02, que acadaron unha inserción laboral do 50%. O organismo lugués poñerá tamén en marcha o Plan Integral Agropecuario e Forestal, que formará a 900 persoas para potencialo emprendemento nestes sectores vitais para o tecido socioeconómico de Lugo.