Site icon Crónica3.com A Mariña

Unhas 120 persoas participaron no torneo de fútbol praia do programa Noites Alternativas en San Cibrao

Unhas 120 persoas participaron no torneo de fútbol praia do programa Noites Alternativas

-As actividades continúan o luns que vén cunha noite de orientación por San Ciprián

Cervo, 21 de xullo de 2012-Unha vintena de equipos de distintas categorías pasaron tres días xogando ao fútbol praia dentro do programa Noites Alternativas que pon en marcha o Concello. En total, preto de 120 persoas acudiron á praia do Torno dende o martes 17 ata o xoves 19 para practicar este deporte, coa peculiaridade engadida de que os partidos se desenvolveron en horario nocturno, ao igual que todas as actividades do programa. Entre os participantes rexistrouse un amplo abano de idades, polo que os partidos se distribuíron nas categorías sub 12, sub 15 , sub 17 e sénior.

Na última xornada deste torneo de fútbol praia, ao remate dos encontros, tivo lugar a entrega de medallas a todos os participantes. Un acto no que estivo presente o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a edil de Deportes, Yolanda Pedreira e a edil de Educación, Pilar Armada. Para a responsable de Deportes, “é toda unha satisfacción ver que actividades coma esta teñen boa acollida e conseguen uns niveis de participación elevados”. Segundo Pedreira, “este torneo de fútbol praia e outros como o de baloncesto ou fútbol sala, que terán lugar nas vindeiras semanas, pretenden ser máis participativos que competitivos, polo que o realmente importante neles é o seu carácter lúdico e de convivencia e, ao mesmo tempo, o fomento da práctica do deporte no tempo de lecer”.

Finalizado o torneo de fútbol praia, as actividades de Noites Alternativas continúan. A seguinte terá lugar o próximo luns día 23 a partir das 22:00 horas e consistirá nunha noite de orientación por San Ciprián, na que as persoas participantes terán que seguir unha serie de pistas dispostas pola vila. Para acudir é necesario inscribirse antes do comezo da actividade na praza dos Campos.

Exit mobile version