Site icon Crónica3.com A Mariña

A comisión de festas de San Cibrao vende camisetas e tazas “maruxainos” elaborados por ASPANAME e Eu Son

A Maruxaina máis comprometida e solidaria

AS CAMISETAS E TAZAS DA MARUXAINA 2012 FORON ELABORADAS POLAS ENTIDADES SOCIAIS ASPANANE E A FUNDACIÓN EU SON

 A Comisión de Festas lembra que quen merque calquera destes produtos maruxainos contribúe a una dobre axuda: a organización das festas e a labor social que desenvolven estas entidades.

San Ciprián, a 2 de agosto de 2012: A edición 2012 da festa da Maruxaina que terá lugar o sábado 11 de agosto na localidade de San Ciprián será unha das citas máis comprometidas e solidarias dos últimos anos despois de que a Comisión organizadora decidira encargar a dous entidades de interese social –o colectivo ASPANANE e a Fundación Eu Son- a confección das camisetas e das tazas oficiais.

Aqueles que adquiran algún destes produtos maruxainos estarán, polo tanto, contribuíndo a unha dobre labor positiva: por unha banda, apoiando economicamente á organización desta cita festiva e pola outra, contribuíndo á labor social que desenvolven estas dúas entidades que traballan con persoas con necesidades especiais.

CAMISETAS IMPRESAS POR ASPANANE

No caso das camisetas os encargados da súa impresión foron os membros do colectivo ASPANANE de Viveiro. Esta é a segunda ocasión na que a Asociación de Pais de Nenos e Adolescentes con Necesidades Especiais colabora coa Maruxaina elaborando as camisetas, pois xa o fixeron no 2011. Este ano ofrecen camisetas con corte feminino ou unisex, en cores branco ou negro, que reproducen a imaxe oficial deseñada polo prestixioso artista galego Xavier Magalhaes, visitante habitual da Península da Paz.

TAZAS ELABORADAS POLA FUNDACIÓN EU SON

Como novidade principal este ano tamén un colectivo social, a Fundación Eu Son de Burela, foi a encargada de elaborar as tazas nas que se recibirá a queimada da Maruxaina. Os integrantes do taller de cerámica desta Fundación fixeron unha taza en cor branca que baixo o lema “Maruxaina 2012” está a ter unha boa acollida entre os veciños e visitantes que queren apoiar e disfrutar da Maruxaina.

Dáse a circunstancia de que a Fundación Eu Son vén de recibir neste ano o recoñecemento da Xunta como “marca de artesanía de Galicia” para todos os produtos elaborados no seu obradoiro. A Fundación puxo en funcionamento xa no ano 1998 un Centro Ocupacional co obxectivo de ofrecer un servizo que permita a persoas con discapacidade intelectual alcanzar a integración laboral e a realización persoal e social. O obradoiro de cerámica foi, dende o seu inicio, a actividade principal deste Centro Ocupacional.

Despois de tantos anos de formación, a evolución das pezas que saen deste obradoiro foron mellorando en deseño e calidade. Actualmente, o obradoiro conta cun artesán e 27 persoas usuarias que son formadas nos distintos procesos de fabricación das pezas en función das súas capacidades, fomentando o traballo en equipo e que cada unha delas se sinta partícipe de cada unha destas creacións

VENDA DE PRODUTOS OFICIAIS MARUXAINOS

Os produtos oficiais maruxainos estarán á venda no mercado semanal local, no mercado extraordinario de produtos de segunda man que terá lugar este sábado, así como nos emprazamentos habituais o venres 10 de agosto e o sábado 11, día da Maruxaina. No caso das tazas tamén poden adquirirse nos principais establecementos hostaleiros que quixeron colaborar coa festa.

Exit mobile version