Site icon Crónica3.com A Mariña

A concelleira de Servizos Sociais de Burela cree que nunha semana estará contratada a empresa de axuda no fogar

A FINAIS DA VINDEIRA SEMANA PODERÍA ESTAR RESOLTA A CONTRATACIÓN DA EMPRESA QUE SE OCUPARÁ DE PRESTAR O SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR DE MODALIDADE DEPENDENCIA, SEGUNDO ANUNCIA DIANA DURÁN. A CONCELLEIRA DE SERVIZOS SOCIAIS RECALCA QUE ESTES TRÁMITES NON LLES AFECTAN AOS USUARIOS NIN ÁS TRABALLADORAS.

Burela, 25 de agosto de 2012. A finais da vindeira semana podería estar resolta a contratación da empresa que se ocupará de prestar o servizo de axuda no fogar de modalidade dependencia. O luns, 27 de agosto, haberá unha nova xuntanza da mesa de contratación, segundo ven de informar a concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán.

A edil popular lembrou que “na sesión ordinaria do pleno do Concello de Burela, celebrada o pasado día 26 de xullo, resolveuse a aprobación do expediente de contratación e pregos de cláusulas administrativas e técnicas do servizo de axuda no fogar de modalidade dependencia”. Para Durán é necesaria a licitación do servizo complementario de SAF do Concello de Burela, tal e como así tamén o indicaban os informes de Secretaría e de Intervención.

Diana Durán apunta “este contrato ten por obxecto a xestión do servizo público de axuda no fogar do Concello de Burela, cuxa descrición, características e especificacións establécense no prego de prescricións técnicas, sendo as necesidades administrativas a satisfacer mediante o contrato a prestación do servizo de axuda no fogar a persoas en situación de dependencia recoñecidas pola Xunta de Galicia, e que no programa individualizado de atención de recursos teñan o SAF como recurso asignado, ou como respiro complementario doutro recurso e/ou prestación”.

A concelleira de Servizos Sociais reiterou que “a duración do contrato será de dous anos, contados dende a data da súa formalización, prorrogable anualmente ate un máximo, prórrogas incluídas, de catro anualidades. A súa tramitación será urxente e a forma de adxudicación será a da oferta economicamente máis vantaxosa, atendendo a varios criterios de adxudicación”. Esta proposta do equipo de goberno popular defendida por Durán foi aprobada en pleno por unanimidade, contando co apoio de todos os membros da oposición formada por PSOE e BNG.

Durán explica que “tras a aprobación en pleno, publicouse no Boletín Oficial da Provincia de Lugo e no perfil do contratante o anuncio de licitación, para que durante o prazo legal de 8 días naturais os interesados puidesen presentar as proposicións que estimasen pertinentes. O pasado día 21 de agosto foi celebrada a reunión da mesa de contratación para a valoración da documentación administrativa contida no ‘sobre A’, presentada por cada empresa para a contratación. Dado que a unha das empresas presentadas lle foi requirida documentación tendo como prazo 3 días hábiles para a correspondente subsanación, a seguinte mesa será convocada para o vindeiro luns, 27 de agosto, co fin de valorar o proxecto de organización do servizo contido no ‘sobre B’. Unha vez estea o informe técnico realizado fundamentando a puntuación de cada proxecto, a mesa de contratación reunirase de novo, co fin de valorar as ofertas económicas e as melloras presentadas polas empresas e incluídas no ‘sobre C’ ”.

Diana Durán recalca “estes trámites non afectan ás persoas usuarias do SAF nin ás traballadoras do servizo, xa que unha das condicións que aparece reflectida nos pregos é precisamente a subrogación do persoal que está a prestar o servizo. Se a mesa de contratación non se atopa con ningunha anomalía, o proceso estará resolto a finais da vindeira semana, para poder elevar ao pleno corporativo a correspondente proposta de contratación efectuada pola mesa”.

Exit mobile version