A Deputación abre o prazo para elixir ós 25 artesáns que participarán na 16ª edición de Artesanfroilán
– Os profesionais interesados poden consultar xa as bases da convocatoria de selección na web www.centrad.org, e descargar o formulario que, xunto á documentación requirida, deben presentar no Rexistro do INLUDES antes do 31 de agosto para formalizala inscrición
– Regina Polín explicou que o 80% das prazas dispoñibles para a cita, que terá lugar entre os días 5 e 12 de outubro na capital lucense, están reservadas para artesáns lugueses, “co que damos prioridade absoluta ós profesionais da provincia”
Das 25 prazas dispoñibles para participar en Artesanfroilán, o 80% están reservadas para os profesionais da provincia, “co que damos prioridade absoluta ós artesáns lugueses”, subliñou Regina Polín. Ademais, no caso de que o 20% restante dos espazos non se cubra con profesionais foráneos, as prazas vacantes quedarán a disposición dos artesáns da provincia de Lugo.
Criterios para a selección
Ao longo do mes de setembro, a comisión organizadora -composta pola Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín; a xefa da citada área provincial, Margarita López Blanco; Dolores Palacios Lagarón, traballadora do obradoiro do traxe rexional da área referida; Luciano Pérez Díaz, mestre do obradoiro de instrumentos musicais; e Joao Fernándes de Brito, mestre do obradoiro de madeira- seleccionará ós 25 profesionais, tendo en conta os seguintes criterios, que, segundo destacou Polín, garanten “a total transparencia do proceso de selección”:
– Que a documentación esixida na solicitude sexa lexible e estea completa.
– Que estean representadas o maior número posible de disciplinas artesanais.
– Que os produtos presentados sexan orixinais, innovadores, ecolóxicos, sustentables ou representen calquera outro valor engadido, consolidado ou pioneiro, á oferta que habitualmente se fai dende o sector artesanal.
– Que, se é posible, todas as comarcas da provincia estean representadas nesta feira.
Unha vez comunicada a selección dos candidatos, abrirase o prazo para o ingreso do canon de participación, do cal se remitirá fotocopia xustificativa á Área de Deseño e Artesanía. A taxa é de 60 euros por metro cadrado e, tendo en conta que cada expositor ten 6 metros cadrados, cada artesán deberá achegar 360 euros, “un importe moi asequible, segundo nos manifestan os propios artesáns, tendo en conta o nivel de promoción que leva consigo a feira”, subliñou Regina Polín.
Potencia o sector
A Deputación e o Concello de Lugo pretenden potenciar e beneficiar con esta feira ó sector artesanal, e máis que nada ó sector lugués, xa que o beneficio acadado en edicións anteriores sitúase preto dos 100.000 euros. Un ano máis, a organización tamén premia con 1.000 euros ó mellor expositor, galardón que se fará efectivo mediante transferencia bancaria logo da finalización da feira. Os requisitos indispensables para optar a este recoñemento, tal e como se recollen nas bases do concurso feitas públicas, serán: o deseño do stand, a presentación do produto, a súa orixinalidade, o seu carácter ecolóxico e sustentable e calquera outro que supoña un esforzo decidido por mellorar a imaxe desta feira de artesanía.