Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación asinou un convenio co Concello de Riotorto para mellorar o benestar das persoas das parroquias

A DEPUTACIÓN AFORTALA OS SERVIZOS SOCIAIS E O BENESTAR DA POBOACIÓN DO RURAL

Antonio Veiga informou da sinatura dun convenio co Concello de Riotorto para a posta en marcha de actividades que redunden no benestar das persoas das parroquias de Riotorto a través da Rede de Dinamización de Centros Veciñais do Concello

Veiga criticou que “o PP non garanta a continuidade da axuda de 400 euros aos parados, que de ficar sen ela quedarían tamén sen cobertura sanitaria”

Federico Gutiérrez Estoa agradeceu esta axuda “que servirá para continuar levando a cabo actividades ao longo do ano en todas as parroquias do noso concello”

Lugo, 9 de agosto de 2012. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, asinou esta mañá co alcalde nacionalista de Riotorto, Federico Gutiérrez Estoa, un convenio de colaboración mediante o cal a Deputación achegará unha cantidade económica de 60.000 euros para a posta en marcha de actividades de dinamización social que se levarán a cabo na Rede de Centros Veciñais que o Concello de Riotorto creou desde a chegada á fronte do goberno municipal do BNG.

Segundo afirmou Antonio Veiga “con esta actuación queremos apoiar o gran traballo que se está a realizar desde o Concello de Riotorto á hora de favorecer as dinámicas sociais e a cohesión da poboación do rural, xa que a realización dun programa tan variado de actividades nos centros veciñais permite acadar ás persoas que viven en núcleos dispersos unha meirande autonomía e unha dinámica de intercambio social moi beneficiosa para manter vivo e poboado o noso eido rural. Desde a Área de Benestar da Deputación temos clara a nosa aposta firme pola defensa do benestar social e a garantía dos servizos sociais para todas as persoas, independentemente do lugar no que residan, sen que haxa exclusións de ningún tipo por motivos económicos ou xeográficos, porque todas as persoas teñen dereito ao mesmos servizos”.

No transcurso da sinatura deste convenio, Antonio Veiga quixo manifestar o seu profundo rexeite á política do PP que “está a agocharse a uns días de que remate a axuda de 400 euros para parados de longa duración, o que posibelmente oculte a súa intención de non prorrogala, o que sería unha decisión catastrófica para o noso país xa que hai milleiros de familias que teñen a todos os seus integrantes no paro. Ademais, de extinguirse esta axuda, os parados sen prestación verían como se lles eliminaría tamén a súa tarxeta sanitaria quedando sen asistencia médica. Cara este escenario é a onde nos conducen as políticas neoliberais do PP e ao que eles queren: a eliminación dunha clase media e que só haxa ricos con dereitos que se enriquezan cada vez máis e pobres empobrecidos”.

Pola súa banda, o alcalde nacionalista de Riotorto, Federico Gutiérrez Estoa, agradeceu o apoio da Área de Benestar da Deputación para “continuar co programa de Dinamización dos Centros Veciñais de Riotorto, xa que grazas a esta achega poderemos desenvolver un conxunto de actividades como obradoiros, conferencias, actividades culturais, excursións, programas de avellentamento activo e actividade física que adoitan ter, polo seu carácter participativo, unha grande aceptación por parte da veciñanza”.

Federico Gutiérrez Estoa destacou que “este programa permite manter actividades durante todo o ano que implican á poboación tendo en conta a realidade do concello e de cada parroquia. Esta programación demostra que se pode chegar a mellorar da calidade de vida e do benestar da veciñanza, lograr un desenvolvemento integral dos maiores promovendo a súa cohesión social no tempo libre a través do intercambio xeracional, fomentando unha actitude crítica e tamén a creatividade cultural e artística”.

vilaseca aldurfe ferreiravella espasande de arriba, espasande de abaixo e augaxosa

Exit mobile version