Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación insta a Xunta a que se opoña ao decreto do goberno central sobre as Preferentes

A VICEPRESIDENCIA DA DEPUTACIÓN INSTA Á XUNTA A QUE SE OPOÑA AO DECRETO QUE PREPARA O GOBERNO CENTRAL SOBRE AS PREFERENTES

Mario Outeiro afirma que “os populares seguen a protexer a aqueles que secuestraron os aforros de milleiros de galegos”

Aprobados dous convenios de colaboración por valor de 42.000 euros para garantir o benestar de persoas con discapacidade

Lugo, 24 de agosto de 2012. “As políticas do Goberno de Mariano Rajoy comparten a filosofía de roubar aos pobres para darlle aos ricos”. Para o delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, esta é a máxima que rexe todas as actuacións do Executivo do Estado e, en particular, no que se refire ao asunto das preferentes ao entender que “ningún dirixente político coherente que goberne pensando no pobo prepararía un Real Decreto polo que se obriga, aos atrapados polas participacións preferentes en entidades en reestruturación, a vender ou canxear os seus títulos con perdas que poden superar o 75 por cento e sen que poidan iniciar calquera tipo de reclamación”.

Só na provincia de Lugo ao redor de 14.000 persoas están afectadas por este produto e máis de 100.000 en toda Galiza, polo que dende esta institución provincial piden á Xunta a que se opoña a esta Real Decreto co que, “unha vez máis, o Partido Popular prefire protexer ao sistema financeiro en lugar dos cidadáns, a pesar de que foron enganados coa comercialización opaca e fraudulenta dun produto que contribuíu a mermar aínda máis a confianza de España no exterior. Con estas medidas os populares amparan a aqueles que venderon como un depósito o que eran participacións preferentes e secuestraron os aforros de milleiros de familias que precisan ese diñeiro vivir.”

Para Mario Outeiro “o momento elixido para aprobar este Real Decreto non é arbitrario e está estreitamente ligado ao informe semestral do Banco de España no que se reflicten as importantes perdas que está a sufrir o sector financeiro español. Ademais, é a antesala da solicitude de rescate e das consecuencias que terá para todos os cidadáns”.

Estas declaracións foron feitas na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno celebrada hoxe e na que se aprobaron dous convenios de colaboración excepcionais por valor de 21.000 euros cada un coa Federación de Asociacións de Persoas con Discapacidade de Lugo (COGAMI Lugo) e coa Asociación de Pais e Nais de Persoas con Trastornos de Espectro Autista (Asociación Raiolas – Lugo).

“A contraposición as políticas do Goberno central centradas no desmantelamento do sistema público de benestar son estes dous convenios grazas aos que COGAMI Lugo poderá sufragar os gastos do Taller prelaboral para persoas con discapacidade na Comarca da Ulloa, co que se pretende atender as necesidades formativas, ocupacionais e de ocio deste colectivo a través de actividades que faciliten a súa integración sociocomunitaria, potencien as súas capacidades e a súa autonomía e proporcionen aos seus coidadores situacións de respiro familiar”.

“O segundo dos convenios aprobados –continuou o delegado- é coa Asociación Raiolas, polo cal se manterá o funcionamento da Unidade de Atención domiciliaria para persoas con trastornos de espectro autista e as súas familias, que ofrece un servizo de apoio para as persoas autistas e as súas familias co fin último de mellorar a súa calidade de vida e obter a súa plena integración social en condicións de igualdade de oportunidades no acceso ao benestar e a participación social”.

Mario Outeiro concluíu afirmando que “un Goberno responsable debe tomar medidas para evitar que a crise económica e financeira se cebe cos máis débiles e iso require facer un esforzo inversor en políticas sociais, algo que nin a Xunta nin o Executivo do Estado están a facer”.

Exit mobile version