Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación mantén en Ribadeo as xornadas de automoción, achegando o 65% do orzamento tras o abandono da Xunta

A Deputación mantén en Ribadeo as xornadas de automoción, achegando o 65% do orzamento tras o abandono da Xunta

– Val Alonso inaugurou o I Forum de Innovación e Formación sobre Vehículos, o evento organizado pola Asociación de Profesores da Automoción de Galicia co apoio do organismo lugués logo de que o Goberno galego optase por trasladar a Santiago a cita que acollía a vila ribadense dende hai 20 anos

– Un cento de persoas de diferentes puntos de España participará entre hoxe e o venres nas charlas e obradoiros que inclúe o programa, ademais dunha exposición de automóbiles, potenciando a economía da Mariña durante os 3 días que pernoctarán na Comarca

O Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, José Ramón Val Alonso, inaugurou hoxe o I Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos de Ribadeo, unha iniciativa, destacou, “enmarcada dentro da nosa aposta por impulsar as profesións con máis futuro e favorecer a inserción laboral na provincia”. Ante a decisión do Goberno galego de non colaborar co evento, a Deputación achegou o 65% do orzamento necesario para a súa celebración, con 4.500 euros. É e que esta cita levaba 20 anos celebrándose en Ribadeo baixo o nome de Xornadas Técnicas da Automoción pero neste 2012 a Xunta decidiu trasladala a Santiago. Isto supuxo, que a Asociación de Profesores de Automoción de Galicia buscase o apoio de outras institucións, mantendo o evento na localidade ribadense con outro nome grazas á colaboración do organismo provincial, así como de varias entidades e empresas, maioritariamente do sector da automoción. Deste xeito, a primeria convocatoria deste fórum non sería posible sen a suma de esforzos de Deputación de Lugo; AXA Seguros; Autos Malucar; Teauto Bosch–Service; Talleres Gasalla S.A.; Novagalicia Banco; Chatarrería Pitero; Talleres Cartoy; Macmillán; Automecánica Talleres Barja S.L. e Grupopalacios.

Val Alonso subliñou que, “ante a falta de apoio da Xunta, a Deputación impulsa este encontro, que se presenta como unha oportunidade económica para a Costa luguesa ó reunir a un cento de persoas que coñecen a riqueza natural e patrimonial da Mariña ó tempo que potencian a súa economía durante os tres días que pernoctan nesta Comarca”. O Deputado sinalou ademais que “é importante e necesario apoiar e manter citas como esta, sobre todo no contexto de crise económica que vivimos, xa que supón un punto a favor para o sector da venda de vehículos, que en España caeu un 8,2% con respecto ó ano pasado, segundo as patronais Anfac e Ganvam”. Val tamén salientou que “estes encontros, non só contribúen á formación dos asistentes, senón tamén a crear un novo nicho de emprego en Lugo porque a tecnoloxía proponse como un elemento impulsor dos cambios na estrutura tanto económica como social da provincia”.

Pola súa banda, o presidente da Asociación de Profesores de Automoción de Galicia, Álvaro Doural, indicou “que a falta de financiación por parte da Xunta supuxo un cambio grande na organización deste encontro, polo que tivemos que movernos para buscar máis recursos”. Aínda así, o novo formato desta cita anima ó optimismo, polo que xa se está pensando na segunda edición deste fórum, ademais doutras actividades formativas do sector, aínda que, segundo Doural “queda un camiño grande por recorrer”.

Profesionais de diferentes puntos de España

As novas tecnoloxías electrónicas. Este é o eixo principal do I Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos -antes denominado Xornadas Técnicas da Automoción- organizada en Ribadeo pola Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (APAGA) coa imprescindible colaboración da Deputación. Un centenar de persoas, entre profesionais do sector, profesores lucenses, de Asturias, León, Salamanca ou Zamora, estudantes e, en xeral, persoas interesadas polo campo da automoción, participarán no encontro, que terá lugar dende hoxe ata o vindeiro venres nas instalacións do hotel ribadense O Cabazo do Zacurro, en horario de 8.30 a 14.30 e de 16.30 a 19.30 horas, agás o venres, xornada na que as actividades terán lugar só pola mañá. Haberá charlas de expertos, talleres de reparación e montaxe de cristais, climatización, soldadura, programación de centralitas electrónicas e, en xeral, sobre os vehículos híbridos e as novas tecnoloxías no sector automobilístico, uns asuntos que terán un peso importante neste encontro didáctico, que ten como obxectivo establecer un punto de encontro entre todo o profesorado para intercambiar experiencias persoais, incorporar ós traballadores en activo á actividade formativa e darlle unha oportunidade ás empresas do sector da localidade para presentar os seus produtos, supoñendo un valor engadido para a Deputación. O fórum complétase cunha exposición de vehículos Peugeot –novos e de segunda man- que poderán probar todos os asistentes, impulsando, deste xeito, a venda de automóbiles.

O programa deste ano

O principal propósito deste evento, que contou cun orzamento total de 7.000 euros, é facilitar un punto de encontro e de intercambio de experiencias. Unha charla sobre a evolución na lubricación por parte de José Luis Pascual Herdeida e Cecilia Luna Fernández, da empresa Repsol abriu hoxe á mañá o ciclo de conferencias deste fórum, centrado principalmente, nas novas tecnoloxías dentro do sector automobilístico. Os vehículos eléctricos foron o tema da segunda charla, impartida por Tomás Antonio Fernández Piñeiro, responsable Pole électrique–électronique de PSA PEUGEOT CITROËN. Seguidamente, tivo lugar a presentación dun vehículo para continuar cunha conferencia sobre un novo sistema de dosificación que reduce as emisións do óxido de nitróxeno nun 85% -Denoxtronic- por parte de Jaime García Aguado, do departamento de asistencia técnica do automóbil de Rober Bosch España S.A.

Xa entrada a tarde, terán lugar os talleres prácticos de reparación de lunas impartidos por Jaime Boo Arias, profesional de Glassdrive Lugo; de soldadura (Andrés Álvarez López, profesor de soldadura); de diagnosis (Juan Dorado Herbón, profesor de Formación Profesional); de climatización (Pedro Álvarez López, profesor desta área); de reprogramación de centralitas (José Antonio Piñeiro, profesor de Formación Profesional) e de diagnóstico en vehículos híbridos (Fernando Morales Cacho, profesor de Formación Profesional). A recuperación dun oficio tradicional, por Edelmiro Otero, ferreiro de profesión e unha ruta medioambiental gastronómica pola ría e polo casco antigo de Ribadeo tamén tiveron cabida na primeira xornada deste encontro.

Mañá xoves, o xefe de formación técnica da empresa Autastec, Manuel Orovorio, será o encargado de inaugurar a segunda xornada do fórum cunha charla sobre métodos de formación. A continuación, o responsable de mecánica, fluídos e enerxía da empresa Saint- Gobain, Aureliano Mercado Pérez, falará dos procesos de fabricación, transformacións e tipos de vidro para dar paso a presentación de dous vehículos. Logo, o coordinador de Formación Técnica Turismo de Mercedes–Benz España S.A., Amancio González Martínez, exporá o novo E300 Bluetec Hybrid, o novo modelo Clase A, e os motores M276 e M278. Pola tarde, terán lugar de novo os mesmos talleres que o primeiro día, e haberá tamén un paseo en embarcacións de vela pola ría de Ribadeo e o entorno das Catedrais, actividades de pesca, unha asamblea xeral da Asociación de Profesores de Automoción de Galicia e cea de tódolos participantes.

O último día, será Scania Hispania S.A. a encargada de abrir as conferencias. O Xefe de Formación Técnica desta firma, Antonio Jiménez Núñez, falará das últimas novidades na tecnoloxía Scania, para dar paso, a continuación, a unha charla enfocada á nova concepción do infotaiment no automóbil –un sistema de audio para automóbiles- por parte do Manager MBG, José María Borras Amoedo, de Pioneer Electronics Iberica S.A.

Unha intervención do xefe de departamento de formación e comunicación da empresa Cesvimap, Luis Fernando Mayorga Malvarez; unha presentación dun vehículo e unha conferencia do instrutor José Luis Fernández de BMW Iberica S.A., que tratará a tecnoloxía de turbocomprensión en BMW, serán as tres actividades programadas para cerrar o I Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos.

A asociación organizadora

A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia, un colectivo creado sen ánimo de lucro hai 14 anos, pretende aglutinar a todo o profesorado da familia profesional de Transportes e Mantemento de Vehículos dos diferentes centros educativos de Galicia e de outras comunidades autónomas. A súa finalidade esencial é organizar toda clase de actividades de formación e información dos seus afiliados e doutros colectivos, motivo polo cal os preto de 80 asociados organizan este encontro, que consolida a Ribadeo como referente na formación de profesionais no sector da automoción.

NOTA EMITIDA POLOS ORGANIZADORES

COMEZOU EN RIBADEO O I FORUM DE INNOVACIÓN E FORMACIÓN DE VEHÍCULOS QUE
ORGANIZA A ASOCIACIÓN DE PROFESORES DE AUTOMOCIÓN DE GALICIA. OS 90
INSCRITOS ASISTIRÁN ESTES DÍAS A CHARLAS E OBRADOIROS. HAI TAMÉN UNHA
EXPOSICIÓN DE COCHES DE TODA A GAMA DE PEUGEOT, ABERTA AO PÚBLICO EN XERAL.

Ribadeo, 29 de agosto de 2012. Comezou nas instalacións do hotel O Cabazo en Ribadeo o I
Forum de Innovación e Formación de Vehículos ao que asisten arredor de 90 persoas
chegadas desde diferentes puntos de Galicia, Asturias e Castela-León, entre outros lugares.
O acto de inauguración desenvolvéuse ás 8:30 desta mañá e contou coa presenza do
tenente de alcalde do Concello de Ribadeo Vicente Castro; do deputado provincial do PSOE
José Ramón Val; do director de Axa Seguros en Lugo e A Coruña, José Luis Liñeira; e do
presidente da entidade organizadora, a Asociación de Profesores de Automoción de Galicia,
Álvaro Doural.
Vicente Castro, tenente de alcalde do Concello de Ribadeo, lamentou que este fórum non se
celebre no Centro Integrado de Formación Profesional Porta da Auga, onde durante arredor
de 20 anos se viñeron celebrando as xornadas de automoción, “para nós e para min este
fórum é unha continuidade desas xornadas, que organizaba o propio centro”. Castro
agradecéulle á Asociación de Profesores de Automoción de Galicia “que siga a contar con
Ribadeo para celebrar este evento. O Concello de Ribadeo seguirá tendendo pontes e
poñendo as axudas que estean ao seu alcance para que esto siga a ser así”.
O deputado provincial do PSOE José Ramón Val Alonso dixo que “ao mellor botamos en falla
o apoio doutras administracións que tiñan máis competencias na materia para financiar este
tipo de actividades, pero coa presenza da Deputación de Lugo e do Concello de Ribadeo as
administracións estamos representadas. Tamén é importante a presenza de firmas privadas
neste fórum, é importante a colaboración entre a iniciativa pública e a iniciativa privada
para que non deixen de facerse eventos deste tipo”.
O responsable de Axa Seguros para Lugo e A Coruña, José Luis Liñeira, subliñou no acto de
inauguración a importancia da celebración deste evento para o sector da automoción, que
“representa o 10% do PIB, o segundo sector en importancia do país por detrás do turismo,
conta con 300.000 empregos directos. Falar de automoción é falar dun sector económico
estratéxico e importante para o noso país”.
Pola súa banda, o presidente de APAGA (Asociación de Profesores de Automoción de
Galicia), Álvaro Doural, manifestou que “a actividade ao final chegou a bó porto grazas ás
entidades públicas e privadas que nos deron o seu apoio desde o primeiro momento e a un
equipo humano que traballou durante os últimos meses para poñer en marcha este
programa. Con esta nova forma creo que poderemos facer grandes cousas no campo da
innovación e formación da nosa familia profesional”.
Despois da inauguración tiveron lugar as primeiras charlas e ponencias sobre a evolución
dos lubricantes e sobre vehículos eléctricos. Pola tarde haberá obradoiros de reparación de
lunas, soldadura, diagnose, climatización, reprogramación de centralitas, diagnóstico en
vehículos híbridos e un ferreiro amosarálles aos participantes este vello oficio. A primeira
xornada do Forum de Innovación e Formación de Vehículos concluirá cunha ruta
medioambiental pola ría de Ribadeo e polo casco antigo da vila.
O I Forum seguirá mañá e o venres con charlas e obradoiros. Paralamente desde hoxe e ata
o vindeiro domingo, 2 de setembro, nos xardíns do hotel O Cabazo pódese ver unha
exposición de toda a gama de coches de Peugeot, aberta ao público en xeral.

Exit mobile version