Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación reclama á Xunta o deseño dun modelo turístico centrado no patrimonio da Mariña

ANTONIO VEIGA RECLAMA Á XUNTA O DESEÑO DUN MODELO TURÍSTICO CENTRADO NO PATRIMONIO HISTÓRICO, CULTURAL E NATURAL DA MARIÑA

O Vicepresidente da Deputación de Lugo e o alcalde de Mondoñedo asinaron un convenio de colaboración para a posta en valor das Covas do Rei Cintolo

O turismo de natureza e aventura debe ser un reto e unha oportunidade de futuro para a Comarca da Mariña

Mondoñedo, 6 de agosto de 2012. O vicepresidente da Deputación de Lugo e delegado das áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, presentou, esta mañá, o convenio de colaboración asinado co Concello de Mondoñedo para garantir a apertura ao público das Covas do Rei Cintolo e pór en valor este enclave, en canto se trata dunha das covas máis grandes Galiza con máis de 7.500 metros de lonxitude, varios andares de galería e diferentes masas de auga.

Dito convenio, non só permitirá garantir que a Cova do Rei Cintolo sega aberta, senón tamén evidenciar que é posible establecer un novo modelo turístico centrado na promoción da natureza e do patrimonio histórico, cultural e etnográfico. Para Antonio Veiga “o modelo turístico de sol e praia atópase en caída a consecuencia da crise económica actual, á que, en certa maneira, tamén contribuíu o fenómeno da segunda residencia, polo que se fai imprescindible buscar alternativas que, ademais, están as a ser demandadas polo propio sector turístico.”

Nos últimos catro anos os demandantes de turismo de natureza aumentaron sobre un 8 por cento a nivel mundial. Este modalidade move xa a un volume importante de visitantes especializados en turismo ecolóxico, paisaxístico, rural e agrario, así como a un bo número de afeccionados á natureza, ámbitos nos que a comarca da Mariña ten moito que ofrecer, e as Covas do Rei Cintolo son un bo exemplo xa que constitúen un paraxe no que se pode deseñar un amplo programa de actividades relacionadas co mundo da natureza pero, ademais, con outras como a práctica de deportes de aventura como o rafting.

O vicepresidente da Deputación provincial insistiu en que “na actual situación de emerxencia toda acción de goberno debe estar encamiñada a potenciar o emprego e nese senso, hai que ter en conta que o turismo é unha fonte de ingresos decisiva para moitos locais de hostalería e para moitas familias, xa que en torno ao 70% da poboación activa da provincia de Lugo traballa no sector servizos. Sen embargo, a diminución do número de visitantes á comarca da Mariña está a deixar en evidencia que a Xunta de Galiza non está a ver o turismo como un sector estratéxico, polo que dende a Vicepresidencia da Deputación de Lugo reclamámoslle o deseño e posta en marcha dun proxecto turístico diversificado para a Comarca da Mariña”.

Antonio Veiga conclíu que “a provincia de Lugo está chea de atractivos que hai que dar a coñecer, algo que, segundo parece, non lle interesa ao executivo galego que esquece a praia das Catedrais como monumento natural, a pesar de que é unha das praias máis emblemáticas do litoral galego”.

Exit mobile version