A novísima Silvia Rubal seguirá defendendo as cores laranxas a vindeira tempada en Primeira. A ala xuvenil estivo arroupada polo vicepresidente da entidade, Manuel Blanco, na formalización da súa continuidade.
Silvia amosouse moi ilusionada por “seguir formando parte dun equipo que pola súa traxectoria e polo seu traballo merece que este ano chegue algún título”.
“Esta será a terceira tempada co Burela FS. A formación e aprendizaxe durante este tempo non só me axudaron en coñecementos e destreza, senón que me proporcionaron tranquilidade na pista, co apoio das miñas compañeiras”, explicou a xogadora mariñá, que tamén falou da preparación do conxunto para 2012-13, na que xa está integrada dende o comezo, hai un par de semanas: “É a primeira vez que fago a pretempada co Burela FS dende o principio e a melloría física é palpable. Ademais, o adestrador deume a oportunidade de gozar do Trofeo Cidade das Burgas e iso dáme confianza; motívame para seguir esforzándome para sumar minutos e experiencia”.
O vicepresidente burelista aplaudiu a continuación de Silvia no proxecto “pola súa capacidade de traballo e afán de superación”. “É unha xogadora moi nova que experimentou unha notable evolución dende a súa incorporación á entidade; é unha das promesas do fútbol sala mariñán” puntualizou Manuel Blanco.