Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta inicia unha campaña por 35 localidades para promover o consumo de produtos galegos

ECONOMÍA E INDUSTRIA PROMOCIONA A MARCA GALICIA CALIDADE E O CONSUMO DE PRODUTOS GALEGOS CUNHA CAMPAÑA QUE PERCORRERÁ 35 LOCALIDADES

Ponse en marcha ata o 29 de setembro unha sede móbil que ofrecerá no centro das vilas información sobre as empresas asociadas a este selo de garantía

O obxectivo é que esta iniciativa chegue a 35.000 persoas ata finais de verán

A Consellería de Economía e Industria, a través da entidade Galicia Calidade, pon en marcha unha campaña de promoción que percorrerá ata o vindeiro 29 de setembro un total de 35 localidades galegas das catro provincias co obxectivo de achegar de primeira man á cidadanía este selo de garantía e promover tamén o consumo de produtos galegos.

Ao longo desta iniciativa, que comeza hoxe na Praza Maior do Carballiño e ten por obxectivo chegar a 35.000 persoas, unha sede móbil situarase cada día no centro dunha localidade galega, ofrecendo información de primeira man sobre a marca Galicia Calidade, a súa aposta pola innovación e a internacionalización das empresas galegas e os produtos e servizos asociados.

Ademais, cada día realizaranse demostracións e obradoiros de cociña con produtos de Galicia Calidade, ás 12:30, ás 17 e ás 19 horas, que se poderán seguir tanto desde o interior do vehículo, equipado cunha cociña, como a través das pantallas habilitadas no exterior. Os produtos cociñados repartiranse entre o público, ao que tamén se lle ofrecerán recetarios.

Tamén haberá reparto de obsequios, folletos promocionais e sorteos, e un castelo inchable para os máis pequenos, todo co obxectivo de dar a coñecer a marca Galicia Calidade, que conta xa con máis de 150 produtos e servizos amparados dun total de 44 empresas asociadas, que contan así cun valor engadido, recoñecido polos consumidores como sinónimo de confianza, prestixio e calidade.

Os programas de auditorías e ensaios de Galicia Calidade garanten que os produtos e servizos amparados superaron os controis esixidos, para o que é preciso que conten coas materias primas de mais alta calidade, óptimas producións e excelentes servizos.

Exit mobile version