Site icon Crónica3.com A Mariña

Afirma o PSOE de Cervo que os veciños teñen dereito a que os seus representantes estean presentes nos actos institucionais

OS VECIÑOS DE CERVO TEÑEN DEREITO, SEN EXCLUSIÓN, A QUE OS SEUS REPRESENTANTES MUNICIPAIS ESTÉN PRESENTES NOS ACTOS INSTITUCIONAIS

-Os socialistas consideran que chamar “capricho” a un dereito de representación “é un acto de dexeneración democrática que responde á actitude que está a rexir o Concello dende hai tempo”

CERVO, 28 DE AGOSTO. Os membros do Grupo Municipal Socialista de Cervo consideran “unha falta de respeto e un verdadeiro despropósito que o alcalde, Alfonso Villares, fale de “capricho” cando os concelleiros da oposición queren estar presentes nos actos institucionais do Concello. Hai que ter pouca vergonza para ter máis que dicir cando está tendo unha actitude que para nada é a correcta”.

Os socialistas subliñan que “a representación debería de estar garantida e neste caso, a corporación municipal non só está formada polos membros do goberno, senón por tres grupos políticos. Tódolos veciños teñen dereito, sen exclusión, a que os seus representantes estén presentes nos actos e eventos institucionais. Entendemos que esta visión distorsionada do señor Villares sobre a representación da vida municipal ten moito que ver coa dexeneración democrática que, dende hai tempo, está a rexir o Concello de Cervo”.

Dende o GMS insisten en que “a falta de consideración e respeto faise pública e notoria coa reiterada exclusión nas invitacións ós eventos, coa finalidade de que os cargos públicos dos partidos da oposición non estén presentes”. E lembraron unha vez máis que “no último pleno celebrado en Cervo, os socialistas pedimos unha explicación ó alcalde e reclamamos o criterio polo que non se convidaba ós membros da oposición, sen que a día de hoxe teñamos resposta”.

Exit mobile version