Site icon Crónica3.com A Mariña

Amigos das setas “Os Bolouros”

AMIGOS DAS SETAS OS BOLOUROS

Ano 1978. Na peña O Lar nace o grupo impulsado por Constantino Mariño, Xefe de Extensión Agraria, experto micólogo, primeiro apoloxista dos fungos no contorno. Presidente/fundador, especialista no mundo das setas, recoñecido como tal; de aí a súa frecuente presencia en actos de Galicia e Portugal . En 1987 o colectivo organizou a IX Semana Galega de Micoloxía, que propiciou a presencia dun feixe de ilustres expertos. Antón Patiño, personalidade poliédrica de atractivo engado, de grande cultura; prestixioso libreiro de Vigo onde presidía “A Zarrota”, e “Os Lactouros,“ de Monforte, ambos colectivos micolóxicos; presidente da Federación Galega, en ocasións viaxou a Foz por mor dos cogomelos, unha das paixóns do polifacético personaxe. Extravertido, escritor, poeta, trobador, pintor, bohemio; dun físico ergueito e mesmo lanzal. Grandilocuente no discurso, elegante na presenza e nos modais. Dende os días de Os Bolouros non voltáramos a vernos, aínda que a nosa amizade, por razóns profesionais, era anterior. O reencontro fora na carballeira de Santa Isabel de Outeiro de Rei, no enterro do poeta Manuel María, en momento moi emotivo: o cadaleito ós pés da Santa – da que o poeta tíñase declarado “moi parcial”- mentres os seus amigos da banda de Sober tocaban “Negra Sombra”. Ó remate achégase a nós un home, que non recoñecemos, cangado polos anos, apoiado en caxato de artística empuñadura, que ante a nosa impasibilidade, dinos: “¿Ti non es o Suso de Foz?” – “ De momento, si”. -“Eu redactei os estatutos dos “Bolouros” – “¡Patiño!”, exclamamos. Por xuño de 2007 visitámolo en Vigo, pero saímos tristeiros do encontro: o home perdera a peculiar vitalidade, a sonoridade da verba, e a cor das meixelas. O 7 do mes seguinte os xornais daban a triste nova: finara Antón Patiño, unha personalidade única, non doada de esquecer. Había pouco publicara o seu libro “Memoria de ferro” sobre a xeración sacrificada pola represión da guerra do 36, deixando ver a súa esencia republicana e galeguista. Correos emitira un selo especial da Semana Micolóxica Galega de Foz á que el non fora alleo.

Suso Fernández

Exit mobile version