Pòdese calificar así o que foi o pasado fin de semana; un exemplo de participación cidadá nun evento que non xurdiu por xeneración espontánea nen porque alguén se puxera a pensar qué se podía facer para completar a programación das festas estivais como, lamentablemente, se dixo. O plantexamento foi mais serio, coa solidez que, como punto de partida, significa o valor cultural e as tradicións: neste caso a historia ou a lenda que a través dos séculos permañece na memoria colectiva e da que tanto se levan ocupado escritores, historiadores, poetas e xornalistas; tal implicación popular non se improvisa nen é resultas do edicto do político de turno. A crónica da Festa comeza nos carnavais de 2011 cando Carlos Neira e Pedro de Aurelia construiron a preciosa nave vikinga para Os Larpeiros. Iste cronista escribiu (28.6.11): “ Ollando a nao, por asociación de ideas, acude ó maxín a lembranza da vella lenda…” Laiábase o relator de que nunca os focegos fóramos quen de poñer en valor o que é patrimonio da nosa cultura, da historia e das tradicións. Pero desta vez atopou eco: ó lelo Paleo, presidente da ACIA, comunicou ó cronista que o colectivo ía tomar a iniciativa e, con clara e acertada visión, púxose mans á tarea de aglutinar ás xentes dende o diálogo e o respecto, a proximidade ás persoas, atendendo suxerencias, en actitude xa esquecida por estes pagos, rodeándose das persoas idóneas para acadar o obxetivo. Van dúas edicións da festa e dous acertos clamorosos que iste ano encetouse co fermoso e maxistral pregón do historiador Fernández Pacio, no Alto da Grela, onde novamente fíxose evidente a creatividade e o traballo de Francisco Piñeiro, e volveron a sorprender os actores de San Martiño, algúns dando a talla de auténticos profesionais da arte de Talía. A tódolos participantes os nosos parabéns, e a todo o pobo, que se identificou coa celebración de algo que no peito e na mente levamos, dende moi novos, tódolos focegos.Esa é a primeira razón dos brilantes resultados. Temos a materia prima: só faltaba a voz que dixera: levántate e anda; e que actuara coa intelixencia e a honestidade requeridas. Así foi.