AS CADEIRAS DE RODAS
Era o mes de Nadal e estudadas as posibilidades de logralo sen tardar mais dun mes, para coincidir arredor dos Reis Magos, pensouse levar a cabo dúas accións : vender lotería do Neno e montar un festival artístico- musical, e así se fixo. Tivo lugar éste o 23, véspera de noiteboa. A montaxe resultaba doada porque, aínda que en Foz non contábamos cos elementos precisos , sempre tiñamos o grande recurso dos nosos amigos de Mondoñedo, daquel histórico Orfeón que nucleaba a que chamábamos “Embaixada artística mindoniense”, porque amais do laureado coro, dirixido por don Uxío García Amor, contaba cun magnífico cadro artístico que representaba hilarantes escenas que facían as ledicias dos asistentes (Roberto Michelena, Maruxa Balsa, Manolo Araújo, Xesé Manuel Carballo coa súa simpatía e as exhibicións de maxia); os Trovadores de Mondoñedo, con Irma, Lalo, unha voz de privilexio; David, o Latoneiro, e Antonio Domínguez, voz e guitarra, que acaba de deixar Foz tras unha boa tempada exercendo o ministerio sacerdotal. O cine Cageao rexistrou, como sempre que acudían os da Paula, un abarrote, para o que non tiñamos mais que chamar a Roberto, o Presidente; a don Uxío , ou calquera dos sus compoñentes. Herpo patrocinara a publicidade. Ese día déronse a coñecer ó público uns xoves artistas focegos: Aurora e María; Os Sinxelos e Os Apaches. O 23 de xaneiro os comisionados entregaban os dous carriños ó Asilo, onde sor Ambrosia montou toda unha festa. Nos ollos cansos dos dous velliños reflectianse mortecinos destellos de felicidade…
Suso Fernández