Site icon Crónica3.com A Mariña

CCOO, CIG e UGT convocan unha concentración en Foz, contra o saqueo para impedir que nos arruinen

MENOS DEREITOS PARA A MAIORÍA

NON PODEMOS CONSENTILO

SOMOS MÁIS

CONCENTRACIÓN VENRES DIA 10 DE AGOSTO

Lugar: DELEGACIÓN DE FACENDA (FOZ)

Hora: 12:00

CCOO, CIG e UGT convocan unha concentración diante da delegación de Facenda en Foz, contra o saqueo para impedir que nos arruínen

Os recortes aprobados o 13 de xullo polo Goberno de Mariano Rajoy supoñen unha perda de dereitos sen precedentes na historia da democracia e van facer aínda máis precarias as condicións de vida e traballo de case dous millóns de galegos e galegas:

Provocan un agravamento da recesión e o peche de moitas empresas, a destrución de máis de 80.000 empregos en Galicia nos próximos dous anos e o aumento da taxa de paro ata o 26%.

Diminúen entre o 5% e o 7% o salario dos 200.000 empregados e empregadas públicos galegos, agravando a perda do 12% do salario real que acumulan desde 2010. O aumento da xornada, a eliminación de dereitos e os cambios organizativos ameazan o futuro do persoal interino dos servizos públicos e deteriora a calidade do servizo.

Reducen a protección aos 270.000 parados e paradas galegos e, especialmente, aos 147.000 que cobran prestacións tanto na contía como no acceso a elas.

Agravan a situación das 150.000 persoas dependentes que hai en Galicia e das súas familias ao recortar os dereitos na atención á dependencia e poñer en perigo o conxunto do sistema.

As 820.000 persoas traballadoras e as 731.000 pensionistas galegas perden poder adquisitivo polo aumento da inflación derivado da suba do IVE.

Por riba, reducen dous puntos as cotizacións empresariais á seguridade social para, ademais de beneficiar as empresas, xustificar no futuro un novo recorte nas pensións.

HAI QUE PARALOS MOBILÍZATE

Exit mobile version