Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo clausura os Enredos de verán cunha festa para os nenos e nenas participantes

Cervo clausura os Enredos de verán cunha festa para os preto de 65 nenos e nenas participantes

-Os cativos e cativas comezaron a mañá con inchables e xogos para despois ver fotografías e vídeos sobre as actividades realizadas e rematar recibindo agasallos e diplomas

Cervo, 30 de agosto de 2012-Os Enredos de verán despídense por este ano, e fano cunha festa de clausura cos preto de 65 nenos e nenas que participaron nas actividades ao longo dos meses de xullo e agosto. Unha celebración que comezou con inchables e xogos diante da Casa da Cultura. Os actos seguiron no Auditorio, onde os pequenos puideron ver fotografías das distintas actividades levadas a cabo neste tempo e os videoclips feitos polos maiores. A festa rematou coa entrega de diplomas, agasallos e lambonadas por parte da concelleira de Educación, Pilar Armada e do edil de Seguridade Cidadá, José Ramón Soto.

A edil de Educación valorou moi positivamente esta festa de clausura e asegurou que “foi un momento moi especial para os cativos e cativas, que a pesar de ter que dicir ata o ano que vén aos Enredos de verán, pasaron unha xornada moi agradable xogando cos compañeiros cos que compartiron estes meses e en xeral, con todos os participantes do programa”. Porque para Pilar Armada esta festa, “ademais da compoñente de diversión, tamén fomenta a boa relación entre os pequenos, o compañeirismo e a convivencia”.

Enredos de verán é un programa consolidado na axenda estival do Concello de Cervo que inclúe actividades lúdicas, didácticas e deportivas e que se vén desenvolvendo nos últimos anos para manter entretidos e activos aos cativos de 3 a 12 anos nos meses de xullo e agosto. “Os Enredos de verán son xa unha cita ineludible para os pequenos que combina o entretemento coa aprendizaxe e a práctica de deporte” explica a concelleira. Segundo Armada, o valor deste programa está na variedade das actividades, que permiten “a potenciación das destrezas manuais e a axilidade mental, a práctica de actividade física ou a concienciación medioambiental con métodos didácticos e amenos”. Por iso, “os Enredos de verán seguirán sendo unha aposta do goberno local que agardamos manter nos vindeiro anos e co mesmo éxito” remata a delegada de Educación.

Exit mobile version