RAQUEL ARIAS DESTACA “O FACTOR DE REEQUILIBRIO TERRITORIAL” QUE REPRESENTA O FONDO DE COMPENSACIÓN AMBIENTAL PARA OS CONCELLOS PEQUENOS COMO O DO VALADOURO
A delegada territorial subliñou que a través deste programa da Xunta de Galicia realizaronse achegas por valor de preto de 600.000 euros neste concello, no que se están a promover actuacións de mellora de saneamentos e modernización de dotacións
Este fondo, posto en marcha polo Goberno galego, procede do canon eólico e por vez primeira permite aos concellos galegos beneficiarse directamente da explotación de enerxía eólica en Galicia. De feito, desde que se puxeron en marcha, máis de 200 concellos galegos se teñen beneficiado destas axudas.
Precisamente ese é o caso do municipio mariñao do Valadouro, que nos últimos tres anos recibiu en axudas vencellados a este programa preto de 600.000 euros, que se teñen dedicado á rexeneración e acondicionamento de espazos naturais así como á mellora de instalacións nos núcleos de poboación, beneficiando dese xeito tanto aos seus cidadáns como ao medio ambiente, que é un dos obxectivos do fondo.
Nesta ocasión, a delegada territorial visitou as obras de mellora do saneamento que se realizan no entorno da Praza de Santa María, e destacou tamén que esta mesma semana dan comezo os traballos de saneamento no núcleo de Moucide e da construción dunha pista de andadura para o disfrute dos afeccionados aos cabalos.
Estes proxectos sufráganse coa partida de 195.660 euros concedida no presente exercicio ao concello pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, atendendo ao número de aeroxeneradores e á lonxitude das liñas tendidas no municipio.
A delegada territorial subliñou que o Fondo de Compensación Ambiental representa “un dobre beneficio para os concellos galegos”, posto que ademais dun forte compromiso co medio ambiente -está dirixido a actuacións ambientais-, “é unha clara mostra da aposta da Xunta polo reequilibrio territorial”, xa que beneficia sobre todo a municipios pequenos e do interior de Galicia, e suponlles, ano tras ano, unha importante fonte de ingresos nestes momentos de dificultades económicas.