Site icon Crónica3.com A Mariña

Estrea de audiovisual sobre o patrimonio documental do Vicedo no Museo Histórico de Sargadelos

ESTREA DE AUDIOVISUAL SOBRE O PATRIMONIO DOCUMENTAL DO VICEDO

O documental de Aida López Vale proxectarase nun encontro incluído dentro da exposición Palabra e Memoria aberta no Museo Histórico de Sargadelos

O Museo Histórico de Sargadelos acollerá ás 6 da tarde de mañá xoves, día 9 de agosto, un encontro cultural incluído dentro da programación da exposición Palabra e Memoria que continúa aberta entre os días 2 de agosto e 14 de setembro. No evento, baixo a coordinación de Elisa Pérez, participarán Matías Nicieza, Alba García Pico, Aida López Vale e Bernardo Penabade.
Despois de que se presente en público o balance de case oito anos de intervencións educativas Modelo Burela (2005-2012) en diferentes áreas (sanidade, comercio, celebracións, liturxia, documentación xurídico-administrativa e integración multicultural), será presentado ao público o documental Palabras para o Recordo, do que é autora Aida López Vale. O vídeo recolle a intervención de diversos protagonistas da aplicación do Modelo Burela no Vicedo, experiencia que tivo o seu punto culminante nunha exposición documental aberta na igrexa de Santo Estevo durante o mes de febreiro de 2011. Ademais da intervención de Javier Rodríguez Couce, párroco do Vicedo, na fita interveñen a coordinadora da intervención cultural e autora do vídeo, Aida López Vale, así como diversas persoas relacionadas co patrimonio documental que centrou a exposición, entre elas o profesor Manuel Salgueiro, animador de moitas das actividades culturais organizadas no Vicedo, que foi o encargado de darlle voz á intervención desde Barcelona dos familiares do escritor Guillermo Carballo e do seu xenro Jesús Fernández Cobelo, impulsores da distribución dos produtos gastronómicos galegos en Cataluña e da Grande Noite de Galicia na cidade condal. Precisamente, será en Sargadelos onde os parentes do poeta e do empresario xa falecido podan visualizar tanto a exposición como o audiovisual do que foron protagonistas desde a distancia.

Exit mobile version