Site icon Crónica3.com A Mariña

Mondoñedo prepárase para volver ao Medievo e as Mesnadas Mindonienses no XXI Mercado Medieval

Mesnadas e Suevis participarán nas celebracións do XXI Mercado Medieval de Mondoñedo.

Mondoñedo prepárase para volver ó Medievo e as Mesnadas Mindonienses e os Mindoniensis Suevis xa están listos para participar no XXI Mercado Medieval de Mondoñedo, que se vai celebrar na cidade do venres 10 ata o domingo 12.

Os actos comezan na noite do venres ó sábado 11. Ás 00:00 haberá na Praza da Catedral de Mondoñedo a Xuntanza das Mesandas e tódolos seus seguidores. Renderán preitesía ó Excelentísimo Obispo Ramiro II e presentarán as súas bandeiras e estandartes. Chegados dende as Terras de Miranda e do Masriscal Pardo de Cela, as Mesnadas, os Suevis e os representantes do Condado de Pena do Unto farán a súa aparición. Dende outros rincóns do mundo coñecido os súbditos de Mondoñedo presentaranse tamén diante do Obispo.

Despois a Comitiva dirixirase ó seu patrón San Roque, onde colocarán o estandarte e se escoitarán as cántigas e oracións. Seguidamente comezará a procesión das viandas, que percorrerá as rúas da cidade de Mondoñedo seguida pola comitiva do Obispo. Para rematar a noite farase entrega dos poderes do lume, a auga e a terra que permitirán os bruxos e conxuradores crear a Queimada medieval para gusto e disfrute de tódolos asistentes arredor da 1 da madrugada (será no cruce das rúas de Guevara, Bispo Sarmiento e Jose Antonio, en fronte do bar ‘O Rincón’).

Ás 11 da mañá do sábado 11, as Mesnadas Mindonienses acompañarán ós Merino e Merina e as tropas do Mariscal Pardo de Cela dende a súa saída da Casa do Concello e no seu percorrido polas rúas de Mondoñedo ata a Praza da Catedral, onde se lerá o pregón de apartura do Mercado Medieval. Despois, ó longo de todo o día Mesnadas e Suevis participarán nos pasarrúas.

O domingo 12, ás 13:00 será o turno do casamento e a celebración do amor. As autoridades que presiden as Mesnadas oficiarán a voda medieval polo rito mozárabe que unirá a unha parella nesta cita de lembranza histórica. Os noivos a comitiva percorrerán tamén as rúas da cidade recibindo os parabéns do pobo.

Os Mindoniensis Suevis, as Mesnadas Mindonienses e a Asociación Cultural O Pasatempo agardan que os habitantes da cidade de Mondoñedo e tódolos visitantes se una a eles nestas xornadas de celebración e disfruten do resto de actividades do Mercado Medieval.

Saúde e sorte!

Exit mobile version