GONZÁLEZ BARCIA ESPERA LEVAR AO PLENO ORDINARIO DE SETEMBRO A RESOLUCIÓN DAS ALEGACIÓNS PRESENTADAS AO PXOM. ASÍ LLELO EXPLICOU O ALCALDE AOS REPRESENTANTES DA ASOCIACIÓN O VENCELLO, NO ENCONTRO QUE MANTIVERON ESTA MAÑÁ.
González Barcia explicou que “hoxe pola mañá nos locais do Concello celebrouse unha xuntanza coa asociación de veciños O Vencello para telos informados do traballo que se está a levar adiante desde o goberno municipal. Desde o noso punto de vista estas xuntanzas son interesantes porque é maneira de transmitirlle a este colectivo todas aquelas cuestións que se están a abordar desde o Concello”.
O alcalde sinalou que “informámolos do punto no que se atopa a resolución das alegacións formuladas ao Plan Xeral de Ordenación Municipal, se lles explicou a situación na que se atopa todo o proceso da urbanización de Torrentes, se lle informou detidamente das analíticas das zonas de baño, realizadas pola Xunta de Galicia durante o que vai de verán e pola súa parte tamén nos prantearon diversas cuestións de ámbito máis cotidiano. Son aquelas cousas que afectan ao día a día da vida do Concello”.
O rexedor indicou que “do que se trata é de manter un contacto permanente coa asociación de veciños O Vencello. Eles nos transmiten as inquedanzas que teñen como asociación e recollen as dos veciños de Burela. E nós tentamos cumprir as peticións que eles nos formulan na medida das nosas posibilidades, e explicarlles tamén aquelas cuestións máis importantes da vida municipal, como por exemplo, que en setembro nos poñeremos a traballar nos presupostos municipais para o vindeiro ano, para 2013”.
A vindeira xuntanza entre O Vencello e o equipo de goberno será a finais do vindeiro mes de setembro, “tendo en conta que o último xoves do mes toca pleno aproveitaremos a celebración desa sesión para manter esa xuntanza e informalos dos asuntos que irán a pleno. Probablemente un dos asuntos que se someterán a aprobación será a resolución das alegacións presentadas ao Plan Xeral de Ordenación Municipal”.