Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG acláralle ao alcalde de Barreiros que co actual convenio de abastecemento de auga os custes págaos a cidadanía

O BNG ACLÁRALLE AO ALCALDE DE BARREIROS QUE CO CONVENIO DO 2006 O CONCELLO NON PAGARÍA UN CÉNTIMO E CO DO 2009 CÁRGANSE ESTES CUSTES SOBRE A CIDADANÍA.

O convenio do ano 2006 para que os promotores asumiran os custos de mellora do abastecemento de auga foi aprobado por unanimidade de todos os grupos da corporación, xa que con el a cidadanía non asumiría ningún custo.

O convenio do ano 2009 carga sobre as veciñas e veciños 7 millóns de euros que asume o Concello e non os promotores, por iso o BNG non o apoiou. Barreiros, 25 de Agosto de 2012. O BNG de Barreiros solicítalle a Alfonso Fuente que non desvíe a atención e que asuma a súa responsabilidade na xestión dos servizos de abastecemento e saneamento da auga. Desde o BNG aclaran que o que queren saber é onde van os 3 millóns e medio de euros que os promotores se comprometeran a depositar para mellorar a rede de auga.

“Alfonso Fuente tenta confundir á cidadanía falando do convenio do ano 2009 entre Concello, Xunta e Deputación co que se pagan con cartos públicos o que teñen que pagar os promotores. Desde o BNG o que queremos é que as veciñas e veciños non teñan que pagar o que teñen que pagar os promotores, por iso preguntamos polo Convenio da auga de 2006 no que se comprometían a aportar a cantidade necesaria para estas melloras e por iso, naquel momento, votamos a favor do mesmo. Esta é a coherencia do BNG: non queremos que a cidadanía pague o que teñen que pagar os promotores. Por iso votamos a favor do 2006 e non apoiamos o do 2009”, explican os nacionalistas.

“Vemos, unha vez máis, que é o Alcalde o que é un experto en cortinas de fume e en confundir á cidadanía desviando os debates cara a outras cuestións cando non lle interesa respostar. Estao a facer co diñeiro dos promotores e tamén co problema da depuradora de Reinante, baseándose nas análises da auga do mar (da que nos alegramos que sexa salubre e excelente para o baño) e tentando negar a evidencia de que o rego que verte ao mar o fai con auga cocha e desprendendo malos cheiros”, manifestan desde o BNG. “O que o BNG quere é saber onde van os 3,5 millóns de euros dos promotores e que non lle faga pagar á cidadanía os custes que terían que asumir estes e que o Alcalde recoñeza que ten responsabilidade en todo isto e que pida desculpas ás veciñas e veciños que están sufrindo as consecuencias da súa nefasta xestión”, conclúen os nacionalistas.

Exit mobile version