Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG presentará mocións en todos os concellos da Mariña para que se manteñan as actuais liñas de ferrocarril

O BNG PRESENTARÁ MOCIÓNS EN TODOS OS CONCELLOS DA MARIÑA PARA QUE SE MANTEÑAN AS ACTUAIS LIÑAS DE FERROCARRIL

Antonio Veiga asegura que unhas boas comunicacións ferroviarias beneficiarían á factoría de Alcoa

Os nacionalistas chaman á participación na concentración prevista para o vindeiro día 5 en Burela para reclamar o mantemento de todas as liñas e a mellora do servizo de cercanías

A Mariña, 2 de agosto de 2012. O Bloque Nacionalista Galego participou, hoxe, nun reparto de propaganda no mercado semanal de San Cibrao coa fin de informar aos veciños e veciñas desta localidade da problemática xerada pola empresa FEVE coa supresión de diversas liñas de ferrocarril na Comarca. Durante o reparto, tamén se informou da concentración prevista para o Domingo 5 de agosto, ás 11:30 horas, no Concello de Burela para reclamar que se manteñan todas as conexións ferroviarias.

O responsábel comarcal do BNG, Antonio Veiga, insiste en que “non é casual que a empresa pública FEVE teña previsto reducir, a partir do mes de Outubro, as dúas liñas con máis usuarios, isto é, a que sae de Ferrol ás 8:10 e chega a Oviedo ás 14:30 e a que sae de Oviedo ás 7:45 e chega a Ferrol ás 14:10, o que significa, no primeiro caso, que non funcione ningún traxecto entre Viveiro e Ribadeo até as 12:19 e, no segundo, a ausencia de liñas desde 6:50 até as 14:45. Outro tanto acontece coa proposta prevista para os meses de Xuño a Setembro na que se suprime a liña que sae de Ferrol ás 10:30 e chega a Ribadeo ás 13:25 e a que sae de Ribadeo ás 14:45 con chegada a Ferrol ás 17:40. Está claro que estas decisións van na dirección de rematar cun medio de transporte fundamental para a vertebración da Comarca, tanto na perspectiva do transporte de viaxeiros, como no plano económico”.

“Estamos – continuou Veiga- diante doutra discriminación máis para a Comarca, posto que mentres noutras zonas do Estado, como Asturias ou Cantabria, refórzanse os servizos de FEVE na Mariña, Ferrolterra e Ortegal suprímense liñas. Unha vez o PP fai todo o contrario ao que lle interesa aos veciños e veciñas da Mariña, xa que do que se trata é de ampliar a oferta de liñas, particularmente no servizo de cercanías, e tamén na súa utilización para o transporte de mercadorías, posto que non debemos esquecer que FEVE atopase nunha situación inmellorábel para dar saída á produción da factoría da Alcoa. Non imos permitir que o Goberno do PP desmantele este servizo e comprometemos o noso apoio, tanto no plano social como institucional, para que o mesmo se manteña, e demandamos dos representantes do PP na Mariña que estean á altura da situación e antepoñan os intereses da zona as directrices do Partido”.

O responsábel comarcal do BNG anunciou que os nacionalistas presentarán na totalidade dos Concellos da Mariña unha moción na que se solicita ao Goberno do Estado que se manteñan as liñas en vigor e á Xunta de Galiza que se comprometa a elaborar e por en marcha o plano de cercanías a fin de mellorar a transporte público por ferrocarril na zona.

“Na comarca da Mariña, o ferrocarril debe xogar un papel central no transporte de mercadorías, nomeadamente para a planta de Alcoa, reivindicación de vello que axudaría a reducir os custos de loxística do complexo, o que repercutiría directamente na súa produtividade” – concluíu Veiga.

Exit mobile version