Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz lamenta a pouca vontade do concello para mellorar o estado da limpeza

O BNG DE FOZ LAMENTA A POUCA VONTADE DO PP PARA MELLORAR O ESTADO DE LIMPEZA DO CONCELLO

Basanta afirma que “os veciños e veciñas de Foz están moi descontentos co estado de limpeza do concello”

“O BNG propón un Plan Integral de Limpeza serio e eficaz”

Foz a 16 de agosto de 2012. – O BNG de Foz quere manifestar publicamente a súa crítica á labor do goberno en canto á limpeza do Concello, que deixa moito que desexar.

Os veciños e veciñas de Foz queixanse moito do estado de limpeza do concello

Para o BNG de Foz esta non é unha situación nova pois xa ten realizado campañas para denunciar a falta de coidado e limpeza no concello como foi a campaña de “Foz non merece isto”. Pero en vez de mellorar a situación empeorou aínda máis sendo que moitos veciños e veciñas comentan o seu descontento polo estado de abandono xeral no que se atopa o Concello de Foz. O estado das rúas e beirarrúas en canto a limpeza é moi deficiente. “A verdade que a limpeza debería ser a fondo para deixar as beirarrúas decentes” afirma Basanta, o portavoz municipal do BNG. Tamén deberían colocarse máis contedores e papeleiras naquelas zonas onde son insuficientes e limpalos todas as semanas polos malos olores que desprenden en días de calor. Así mesmo, existe un problema coa recollida selectiva dos residuos depositados nos contedores soterrados que unha vez cheos a xente deposita o lixo fóra dos contedores e non se fai a recollida selectiva. Por iso sería necesario facer a recollida selectiva con máis regularidade durante estas épocas debido ao aumento considerable de poboación. Ao mesmo tempo, o BNG pide máis vixilancia e maior persecución dos que non recollen os excrementos e ouriños dos cans e deixanos polas beirarrúas, parques e zonas verdes públicas.

Outra das cousas nas que debería o goberno municipal poñer máis empeño e na limpeza e coidado dalgunhas praias como a de Llas, que mesmo aparecen restos de botellón pola mañá, como ocorreu o domingo día 12 de agosto. Na praia de Peizás, por exemplo, hai unha fuga nunha ducha desde principios de verán.

A pesar de térllelo dito o BNG xa en pleno ao grupo de goberno, aínda están sen erradicar algúns vertedoiros incontrolados espallados polo noso concello, incluso en zonas de costa e de paseo como o que hai no camiño que vai á praia de Sarrido en Fazouro.

O BNG propón un plan serio e definitivo de limpeza

Diante de todas estas situacións que sofren os veciños e veciñas de Foz o BNG, co ánimo construtivo que sempre o moveu, proponlle ao grupo municipal de goberno que elabore un Plan Integral de Limpeza do Concello que diagnostique e localice todos estes problemas que existen e lles dea solucións dilixentes e regulares.

Exit mobile version