Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz denuncia a saturación no centro de saúde por culpa da política do PP

O BNG DE FOZ DENUNCIA A SATURACIÓN NO CENTRO DE SAÚDE POR CULPA DA POLÍTICA DO PP

“Está habendo urxencias que esperan máis de dúas horas para ser atendidas”

Foz a 23 de agosto de 2012.- O BNG de Foz quer denunciar a saturación que se está a producir durante este verán –e sobre todo estes días- no Centro de Saúde pola falta de persoal e pola mala xestión na atención primaria que leva o PP desde a Xunta de Galiza.

O PP desde que goberna na Xunta non cubre as vacacións do persoal sanitario no centro de saúde tendo que cubrir as súas cotas os médicos que están de servizo. Durante este verán, dos sete médicos que forman o persoal do centro só tres estiveron atendendo aos pacientes de todos os demais. A isto hai que sumar que o médico de desprazados que todos os anos estaba ata finais de agosto este ano sacouse por parte da Consellaría de Sanidade a mediados deste mes, co que a maiores os médicos teñen que atender aos desprazados que se presentan no centro de saúde, a maioría das veces sen cita previa. O mesmo ocorre co persoal administrativo que teñen que facer o traballo dúas persoas cando normalmente hai catro. Isto da lugar a situacións verdadeiramente de saturación e de malestar tanto por parte dos médicos e persoal sanitario como por parte dos pacientes que ven como a calidade asistencial se resinte ano tras ano desde que o PP goberna na Xunta. “O peor de todo é que aos responsables da sanidade do PP non lles importa o que está pasando nin teñen ningunha sensibilidade á hora de tomar estas decisións ou de dar as explicacións pertinentes. O caso é quedarse á marxe e nunca dar a cara” asegura o portavoz municipal do BNG, Xan Carlos González Basanta.

Unha situación extrema produciuse durante esta mesma semana, cando as persoas que acudían ao Centro de Saúde pola tarde tiñan que esperar máis de dúas horas para ser atendidas, en moitos casos acudindo por unha urxencia. Isto é debido a que só hai unha médico profesional que atende, ademais das urxencias para o que está contratada, a cota de médico de tarde que está de vacacións así como tamén aos desprazados que acoden pola tarde. Pois ben, houbo urxencias como infeccións de ouriños que estiveron esperando máis de dúas horas para ser atendidas, cousa que é impresentable desde o punto de vista dunha atención sanitaria eficiente e segura.

Para o BNG, estes son outros exemplos máis, como foi anteriormente a eliminación da ambulancia do 061 ou a eliminación do celador os domingos, do programa de desmantelamento dos servizos públicos para logo privatizalos e darllos a empresas vinculadas ao PP (como a da irmá do propio Feijoo). Ao final, Feijoo mentiu cando asegurou que os recortes non afectarían á sanidade. Todos os días estamos a ver como son precisamente os servizos públicos como a sanidade, a educación ou os servizos sociais os que máis están sufrindo os recortes do goberno de Feijoo.

O BNG de Foz quere resaltar o labor de todo o persoal do centro de saúde que a pesar de non ter as mellores condicións fan o seu traballo de forma impecable e animar a todas aquelas persoas que se viran afectadas pola mala xestión sanitaria do PP a que fagan reclamacións e manifesten a súa indignación no propio centro de saúde pois é un dereito que temos os cidadáns. Tamén queremos recordarlle ao Alcalde que exerza como tal e reclame da Xunta unha mellor atención sanitaria para Foz pois parece que non se enteira ou que non vai con el. Xan Carlos González Basanta. Portavoz municipal do BNG

Exit mobile version