Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz en contra da construción doutra depuradora en Fazouro

O BNG DE FOZ EN CONTRA DA CONSTRUCCIÓN DOUTRA DEPURADORA EN FAZOURO

“O BNG aposta pola separación das augas pluviais das residuais e por aproveitar a depuradora actual”

Foz a 24 de agosto de 2012.- O BNG de Foz non comparte a pretensión da Xunta de Galiza, gobernada polo PP, de construír unha nova depuradora no lugar de Sarrido, en Fazouro.

Para o BNG antes de nada sería importante aclarar unha serie de cuestións sobre o actual sistema de depuración de Foz e saber de certo se realmente faría falta dita depuradora.

Está claro que a depuradora de Foz non depura correctamente, é máis, diriamos que ás penas depura pois gran parte das augas residuais vértense directamente á Ría e ao mar (a pesar disto o PP e o PSOE acaban de aprobar unha taxa de depuración como se nada pasara). Polo tanto, o primeiro que habería que saber é cales son as causas do mal funcionamento da depuradora actual posto que cando se fixo vendeuse como a mellor depuradora do mundo cos últimos adiantos tecnolóxicos (declaracións de cargos políticos e técnicos aseguraban que se podería beber dela). Fálase como unha das causas a falta de capacidade, de que é insuficiente. Pero se nos acollemos ás características técnicas da depuradora vemos que foi proxectada e construída para unha poboación de 8.000 habitantes equivalentes, logo non se entende é como non é capaz de depurar residuos dunha poboación que non chega aos 6.000 habitantes durante a maior parte do ano. Tamén o informe de Augas de Galicia fala dos vertidos directos á Ría, un espazo sensible e de lenta renovación, por iso desde o BNG non se explica como se eliminou o emisario de 1.900 metros que estaba no proxecto inicial.

A posición do BNG é que unha vez aclarados os problemas e asumidas as responsabilidades técnicas e políticas, débese tentar dar solución a eses problemas que pode pasar por ampliar a xa existente antes de pensar en construír unha nova depuradora.

Para o BNG, o informe técnico, realizado por unha empresa a petición de Augas de Galicia, obedece ás pretensións iniciais do PP e so analiza os datos de forma parcial e pouco obxectiva, para rematar concluíndo o que se pretendía inicialmente O informe analiza as posibles alternativas baseadas en dúas posibles localizacións da nova EDAR (nos lugares de Forxán e Sarrido) e na posibilidade de manter en funcionamento ou non a actual EDAR de Foz e finalmente aconsella o lugar de Sarrido como a mellor das alternativas propostas. O BNG difire tanto das alternativas como da solución proposta. Ao BNG parécelle un despropósito absoluto plantexar unha nova depuradora cuns custes de 12.000.000 de euros (2.000 millóns das antigas pesetas) e un mantemento carísimo cando temos unha depuradora feita hai menos de seis anos que debería chegar para depurar o casco urbano de Foz, que custou máis de 3.000.000 de euros e que incluso podería ampliarse ou complementarse se fixera falta coa de Fazouro. “E logo fala o PP de despilfarro” . O que non é lóxico é implantar unha nova depuradora entre dúas praias bandeira azul (a menos de 100 m.), ao lado dun camping e a menos dun quilómetro doutra depuradora que resulta máis que suficiente para a parroquia de Fazouro.

Para o BNG, a solución definitiva ao problema do saneamento da vila de Foz pasaría por un Plan Especial de Saneamento Integral Municipal ao obxecto de optimizar o uso e xestión das redes así como a implantación xeneralizada dun sistema separativo de augas residuais, coa construción de colectores de augas pluviais que alcance ao conxunto do solo urbano. Logo, aproveitar o que xa existe, resolver os problemas que ten a depuradora de Foz e camiñar cara a unha optimización completa dos sistemas de saneamento e depuración municipais, reducindo a contaminación e promovendo o aforro e a eficiencia no uso dos recursos.

Neste contexto, o BNG apostou sempre por unha progresiva redución en orixe das augas e contaminantes a tratar (implantando tecnoloxías de aforro e reciclaxe das augas) e a aplicación de sistemas ecolóxicos baseados nas tecnoloxías de depuración natural e de baixo custe.

Exit mobile version