Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Riotorto aprobou en solitario que o concello estude as medidas para que o poder adquisitivo dos traballadores municipais non se resinta

RIOTORTO APROBOU GARANTIR O PODER ADQUISITIVO DOS TRABALLADORES PÚBLICOS DO CONCELLO

Federico Gutiérrez Estoa afirmou que “estamos no Concello para defender aos nosos veciños e veciñas e non para aplicar medidas inxustas”

O BNG logra polo tanto que o Concello estude as medidas oportunas para que o poder adquisitivo dos traballadores do Concello non se resinta evitando o efecto indirecto sobre o consumo no concello e no tecido económico local, e polo tanto é o primeiro concello de Galiza en aprobar estas medidas

Riotorto, 7 de agosto de 2012. O pleno do Concello de Riotorto celebrado onte, cos votos a favor do BNG e a abstención do PSOE e votos en contra do PP, aprobou estudar e levar a cabo as medidas que sexan necesarias para que se manteña o poder adquisitivo dos traballadores públicos do Concello e compensar a perda que supón a retirada da paga de Nadal coas medidas que sexan necesarias. Neste camiño, o BNG sacou adiante a súa moción manifestando o seu rexeite ás medidas reguladas polo Real Decreto-Lei 20/2012, do 13 de xullo, que supoñen a eliminación da paga de Nadal, rexeitando a decisión de impor ás empregadas e aos empregados públicos, particularmente os vinculados aos concellos, novas perdas de poder adquisitivo, que terán un efecto indirecto sobre o consumo no concello e no tecido económico local e compensar a perda do poder adquisitivo das empregadas e dos empregados públicos municipais da maneira que sexa precisa.

Segundo afirmou Federico Gutiérrez Estoa, “nós estamos no Concello para defender aos nosos veciños e veciñas e non para aplicar medidas inxustas que os prexudican“ e ademais “por riba da lei está a xustiza e igual que non é de xustiza que a Xunta de Galiza deixe sen fondos para o servizo de axuda no fogar aos concellos de menos de 20.000 habitantes e teñamos que ser os concellos, coa axuda da Deputación, quen se ten que facer cargo deste servizo, en moitos casos coma o noso, desde a gratuidade para os usuarios, tampouco é de xustiza que se reduza o poder adquisitivo dos traballadores públicos posto que esta decisión vai na dirección contraria das políticas que se necesitan para saír da crise”.

O alcalde de Riotorto afirmou que “estamos diante dunha auténtica imposición, que no caso dos concellos socava a autonomía local, ao pretender facelos partícipes de medidas inxustas, das que moitas corporacións locais discrepan politicamente, polo que supoñen de atacar de novo dereitos consolidados de persoas traballadoras, ademais da súa inutilidade, como xa se ten demostrado. A nova redución retributiva ás empregadas e aos empregados públicos que se plasma no Real Decreto-Lei 20/2011 imponse dun xeito unilateral, malia que esa medida xa se ten ensaiado noutros momentos dentro de actuacións económicas contra a crise, e como resultado deu precisamente o contrario do que se perseguía. Nada indica na práctica que a redución salarial sobre as persoas traballadoras, entre elas as persoas que desenvolven o seu traballo no sector público, sexa unha medida que contribúe á reactivación económica, ao contrario, aínda resta capacidade adquisitiva á maior parte da poboación co que se resente o consumo e a actividade económica.

Na mesma liña, o nacionalista indicou que “no caso concreto do noso concello, estamos seguros de que eliminar a paga extra ás empregadas e aos empregados da administración municipal é unha medida profundamente inxusta e equivocada. Tamén no ámbito local, agravará aínda máis a crise pois reducir o poder de compra das empregadas e dos empregados públicos afectará moi negativamente a pequenas e medianas empresas, ao pequeno comercio, en xeral ao tecido económico deste concello. É por iso que vamos estudar todas as maneiras de lograr que a capacidade adquisitiva dos nosos traballadores públicos non se reduza”.

Exit mobile version