Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG homenaxeou os represaliados do concello de Cervo na Praza do Lugar de San Cibrao

CERVO HOMENAXEOU HOXE AOS SEUS REPRESALIADOS

A memoria dos mártires tenos que dar azos para rescatar a democracia, afirman os nacionalistas

Estua afirma que a memoria é un patrimonio de dignidade, de aspiración a unha sociedade máis xusta e merecente de considerarse democrática

A Mariña, 17 de Agosto de 2012. O Bloque Nacionalista Galego homenaxeou na Praza do Lugar de San Cibrao aos represaliados do Concello de Cervo, nun acto que coincidiu co Día da Galiza Mártir, e que na vontade dos nacionalistas pretende ser un recoñecemento a todos aqueles mariñaos que loitaron contra o franquismo e na defensa dunha sociedade democrática. O acto ao que acudiron un número importante de persoas, fundamentalmente familiares de represaliados, comezou cunha intervención de Xoán Estua, Portavoz do BNG en Cervo e Vice-Responsábel Comarcal do BNG, para continuar coa descuberta dunha placa de lembranza financiada polos veciños e rematar co canto do himno galego. Unha vez rematado a homenaxe a Praza do Lugar acolleu unha mesa redonda sobre a represión no que participaron Roberto Palacios, neto do mestre represaliado de Rúa, e o xornalista Xavier Rivera.

Xoán Estua, Portavoz do BNG en Cervo, afirmou que “no nome deste demócratas de Cervo o BNG está a homenaxear ao conxunto dos represaliados da Mariña e de todos cantos fixeren posíbel unha sociedade máis xusta e democrática. A vindicación da memoria non é para os nacionalistas un exercizo de oportunismo político co que alimentar a nostalxia, nin un acto rotineiro co que brindar ao sol cando quenta conforme a unha determinada moda. Ë un exerzizo de xustiza cos perdedores, é un compromiso cos que nos precederon na loita é xa por último un acto de afirmación do noso compromiso cunha sociedade máis xusta. A memoria dos antifranquistas non é para nos o conto dun ano, é toda unha bagaxe de loita, de experiencia transformadora que o reformismo republicano esparexou por toda Galiza e que o franquismo recluíu no silenzo, experiencia e proceso de cambio social que debemos pór en valor ao servizo da mellora das condicións de vida das maiorías sociais da nación Galega”.

O Portavoz Nacionalista que citou a todos os veciños de Cervo represaliados indicou que “sabemos ben por experiencia propia case son as causas do atraso e do abandono de Galiza. Herdamos unha sociedade sacrificada pola falla de expectativas económicas, unha sociedade mutilada por unha estrutura demográfica avellentada e o que é máis grave unha sociedade frustrada e sen perspectivas e crenzas fondas de que este panorama poida ser modificado. Por esta ferida sangramos; custará cicatrizala. Pero estamos seguros de conseguilo, estando unidos os que queren a nosa patria e os que creen nela. Hoxe, ao pé da placa dos nosos mártires, reunímonos aquí para loitar polo resgate da democracia e para dar pasos nas transformación dunha sociedade hoxe escindida en clases, divida entre explotados e explotadores, e que máis cedo que tarde converteremos nunha sociedade de iguais, posto que somos os máis, os maioritarios, os que nos movemos por eses ideais, que son os mesmos dos que hoxe homenaxeamos”.

Xa por último Estua afirmou que “para nos a memoria, o recoñecemento e o exemplo das vítimas do franquismo é un actuar diario. Memoria que está sempre con nos, porque é un patrimonio de dignidade, de cultura cívica e tamén de aspiración a unha outra sociedade máis libre e merecente de considerarse democrática. Recoñecemento que é recuperación e restitución das súas figuras, pago da débeda que a sociedade actual ten contraída con eles por aspirar a un modelo social que xire arredor do triangulo da xustiza, da igualdade e dun modelo político no que o pobo sexa realmente que máis ordene. É exemplo, exemplo do que a barbarie e o terror non quixo que fosemos, exemplo dun patrón de comportamento ético e comprometido coas maiorías sociais, exemplo a fin da forza das ideas, cando por ideas se morría e das ideas non se vivía, exemplo a fin do que nos aspiramos volver a ser”.

Exit mobile version