Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG insta a Xunta a que evite despedimentos na planta de Vestas en Viveiro

O BNG DA MARIÑA INSTA A XUNTA A QUE EVITE DESPEDIMENTOS NA PLANTA DE VESTAS EN VIVEIRO

Antonio Veiga afirma que “a difícil situación da multinacional é consecuencia directa da paralización do concurso eólico”

A Mariña, 24 de agosto de 2012. O responsable comarcal do BNG na Mariña, Antonio Veiga, amósase preocupado pola incertidume creada tras o anuncio feito por Vestas de que despedirá a 1.400 empregados e que aínda se descoñece se afectará á planta que a multinacional ten na comarca da Mariña.

Veiga asegura que de verse afectada a factoría viveirense sería outro duro golpe para A Mariña que, case a diario, rexistra novos expedientes de regulación de emprego. “Mentres a industria da comarca se desmantela e o paro segue a medrar, máis dun 52% nos últimos tres anos, a Xunta de Galiza permanece impasible. O Executivo galego debe facer todo o que sexa preciso para evitar despedimentos na planta de Vestas, na que traballan preto de 200 persoas”.

Dende o BNG insisten en que “esta e unha das moitas consecuencias da decisión do Goberno de Núñez Feijóo de paralizar o concurso eólico da anterior Xunta de Galiza co que estaba previsto triplicar a man de obra de Vestas. Xa no seu momento, foron os propios directivos da multinacional os que recoñeceron, publicamente en reiteradas ocasións, os problemas que dita parálises suporía para a factoría. Os que fixeron da legalidade a súa bandeira son os mesmos que a incumpren e que coas súas decisións sumen á comunidade no atraso”.

A Mariña é a zona de todo o país con máis potencia eólica instalada, dos 4.700 megavatios dos que dispón Galiza, 1.800 están nesta comarca polo que, para Veiga “na comarca, a decisión ilegal de suspender o concurso eólico ten consecuencias negativas que van máis alá das indemnizacións que deberá pagar ao Goberno galego xa que afecta de xeito directo ao emprego”.

Exit mobile version