Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG organizou un encontro de colectivos locais de Alfoz e O Valadouro

ENCONTRO DE COLECTIVOS LOCAIS DE ALFOZ E O VALADOURO

No serán do 31 de xullo tivo lugar no Centro Social de Alfoz un encontro de colectivos locais dos concellos do Valadouro e Alfoz organizado polo BNG local, foi convidado a esta xuntanza o responsábel comarcal do BNG e vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga.

Na comarca natural formada polos dous concellos, o eido asociativo é moi dinámico e o número de colectivos non deixa de medrar de ano en ano, así como os eventos, actividades e iniciativas promovidas e organizadas polas devanditas asociacións, este foi o principal motivo polo que o BNG local convocou o devandito encontro.

Antonio Veiga comezou explicando as vías de colaboración abertas dende a Deputación, nomeadamente no ámbito cultural e deportivo, sinalando con especial atención as axudas pra a adaptación de espazos ás necesidades das persoas con discapacidades. Lembrou o vicepresidente, que malia o momento que estamos a vivir, a Deputación trata de manter acesa a lapa cultural, xa que moitas xuntas directivas amosaron a súa preocupación ante os recortes efectuados por outras institucións, suliñando á vez que o dinamismo social da bisbarra do Valadouro ficaría en situación de risco sen o respaldo institucional así como o futuro de moitos eventos.

Os diferentes representantes salientaron que era a primeira vez que tiña lugar un encontro no que estaban presentes todos os colectivos do val, o que estaba a servir tamén pra que puidesen coñecérense e partillar ideas, suliñando que é fundamental fomentar as sinerxias entre o tecido societario da comarca natural do río Ouro, tanto pra colaboraren como pra reforzar a continuidade de eventos. Cómpre salientar que a meirande parte destas asociacións son de ámbito intermunicipal, pra poder así abranguer o territorio natural do Valadouro, é dicir, os dous concellos.

Exit mobile version