Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG repartiu en Burela material informativo chamando á poboación a manifestarse o vindeiro domingo fronte á supresión de liñas FEVE

O BNG SAE Á RÚA CONTRA A SUPRESIÓN DAS LIÑAS FEVE NA MARIÑA

Esta mañá no mercado de Burela o BNG repartiu material informativo chamando á poboación a manifestarse o vindeiro domingo fronte á supresión de liñas FEVE

O BNG presentou unha iniciativa no Parlamento Galego nesta liña, demandando do goberno do Estado o mantemento íntegro dos servizos que FEVE presta en Galiza

A Mariña, 3 de agosto de 2012. Esta mañá, o BNG saíu á rúa e repartiu material informativo no mercado de Burela para facer un chamamento á poboación da comarca a manifestarse o vindeiro domingo, ás 11:30 da mañá na estación de tren de Burela, fronte á supresión das liñas que FEVE ten previsto acometer e que afectan especialmente á comarca da Mariña.

Tal e como afirmou o deputado do BNG no Parlamento Galego, Manuel Parga, “o BNG non vai permitir que mentres noutras zonas do Estado se potencie este transporte, en comarcas coma a nosa pechen liñas que afectan á mobilidade das nosas persoas. Por iso presentamos a iniciativa ao Parlamento Galego e por iso facemos un chamamento á poboación a manifestarse na defensa do noso tren o vindeiro domingo, para que se manteñan os servizos que actualmente FEVE presta na Mariña e incluso se estude aumentar as frecuencias”.

Para o BNG, a pretensión da empresa pública FEVE baséase nunha pretendida rendibilidade económica e polas avarías e falta de fiabilidade do material. No primeiro caso, esquécese a necesaria rendibilidade social do transporte público e a súa función de cohesión nun país como Galiza e unha comarca coma a Mariña, cunha alta dispersión da poboación e onde algúns dos traxectos que se queren suprimir nin sequera teñen alternativa doutros transportes públicos. A segunda escusa é responsabilidade absoluta dos xestores da empresa, nunca os traballadores e traballadoras nin a poboación poden padecer as culpas dunha mala política empresarial na compra do material e a maquinaria precisa para desenvolver o servizo con normalidade.

Exit mobile version