Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG solicita ao alcalde de Barreiros que explique a situación dos servizos de auga e saneamento e pida desculpas á cidadanía

O BNG SOLICÍTALLE AO ALCALDE DE BARREIROS QUE EXPLIQUE A SITUACIÓN DOS SERVIZOS DE AUGA E SANEAMENTO E QUE PIDA DISCULPAS Á CIDADANÍA. OS NACIONALISTAS REXISTRARÁN UNHA BATERÍA DE PREGUNTAS PARA SOLICITAR INFORMACIÓN SOBRE ESTES PROBLEMAS E QUE ESTA CUESTIÓN SEXA TRATADA EN PLENO. ADEMÁIS ACUSAN AO GOBERNO MUNICIPAL DE FALLA DE PREVISIÓN NA EXECUCIÓN DOS TRABALLOS QUE SE ESTIVERON A REALIZAR ESTES DÍAS.

Barreiros, 24 de agosto de 2012. Membros do Grupo Municipal e do Consello Local do BNG de Barreiros compareceron en rolda de prensa para presentar unha batería de preguntas que rexistrarán no Concello a respecto da situación dos servizos de saneamento e abastecemento de auga. A rolda de prensa tivo lugar na praia de Arealonga, en Reinante, onde os nacionalistas xa advertiran que estaba habendo problemas coa depuradora situada a poucos metros do areal.

Desde o BNG de Barreiros, sinalan que comparecen “para pedirlle ao Alcalde que dea a cara, que dea explicacións e que pida desculpas ás veciñas e aos veciños”. A responsable local do BNG en Barreiros, Belén Fernández, declarou que “é unha falla absoluta de respecto e un desprezo cara á cidadanía que o rexedor estea desaparecido e aínda non dera nin unha soa explicación e solución serias aos problemas que están manifestándose nas últimas semanas. Tería que ser o Alcalde o que estivera comparecendo e non o BNG”.

A respecto das obras que se estiveron facendo nos últimos días, os nacionalistas sinalan “que é unha vergoña a falla de previsión que mostra este goberno agardando a que a xente pase días sen auga e a que a presión cidadá sexa inaguantable para comezar a realizar algunha obra. Desde hai anos véñense producindo estes problemas todos os veráns e, se este verán se prevía que houbese máis vivendas ocupadas, era evidente que esta situación se ía agravar”, explicou Belén Fernández.

“Desde o BNG temos que retomar aquel usado lema que xa tiñamos no 2006: primeiro os servizos e despois os edificios. É evidente que esta situación ven dada polo modelo urbanístico que se implantou en Barreiros: un modelo de descontrol absoluto sen ningún tipo de previsión e co que non se garantiu en ningún momento que as veciñas e veciños puideran recibir uns servizos básicos en condicións”, relataron os nacionalistas en Arealonga.

O Grupo Municipal do BNG pídelle ao goberno municipal que “as obras que se executen sexan cunha base firme e definitivas e non parches cos que se pretenda un lavado da imaxe que se viu gravemente deteriorada con esta situación. O que está claro é que isto é o que perxudica ao turismo e ás veciñas e veciños. É o Partido Popular e a súa xestión o que perxudica a Barreiros.”

Os nacionalistas anunciaron que rexistrarán unha batería de preguntas nas que piden explicacións sobre os problemas acontecidos e o estado das redes de saneamento e abastecemento de auga, qué obras se executaron e en base a qué proxectos e orzamentos. Tamén solicitan, entre outras cuestións, un informe económico sobre a posibilidade do Concello de Barreiros de asumir os custos das obras, sobre o estado da conta na que depositaron os fondos os promotores en base ao convenio para a mellora do abastecemento de auga do 2006 e sobre a utilización destes fondos.

A portavoz do BNG, Ana Ermida, afirmou que “a situación de Barreiros require de intervencións serias e non de solucións transitorias para calmar os ánimos. As actuacións que se realicen deben facerse meticulosamente, de xeito que sexan definitivas e que non estean xerando problemas e gastos cada pouco tempo. Debe executarse o convenio asinado cos promotores no ano 2006, segundo o que estes asumían a totalidade dos custes da mellora do abastecemento da auga para garantir que o subministro de auga en Barreiros sexa acorde co prezo que se paga por el”. E engadiu que “desde o ano 2006 no que se asinou ese convenio non temos coñecemento de que se tivera ningunha comisión de seguimento do mesmo para intentar a súa execución, polo que tamén preguntamos sobre ese aspecto e instamos ao Alcalde a convocar unha comisión con representantes de todos os grupos da Corporación Municipal para tratar estes asuntos”.

“Agardamos que o goberno municipal e Alfonso Fuente tomaran boa nota e que o teñan en conta para cando elixan as compañías das que se rodea, porque xa se está vendo cales son os resultados”, sentencian desde o BNG.

Exit mobile version