O BNG SOLICITÓULLE AO GOBERNO DE BARREIROS QUE ADOPTE AS MEDIDAS PRECISAS PARA PALIAR OS PROBLEMAS DE ABASTECEMENTO DE AUGA QUE SE ESTÁN A PRODUCIR ESTES DÍAS. OS NACIONALISTAS DENUNCIAN QUE A DEPURADORA DE REINANTE ESTÁ DESBORDADA “VERTENDO RESIDUOS Á PRAIA E DESPRENDENDO FORTES OLORES”.
Barreiros, 6 de agosto de 2012. No pleno celebrado en Barreiros hai uns días o BNG solicitou do goberno municipal que adopte as medidas precisas para garantir o subministro de auga, xa que, un ano máis, comezan a aparecer problemas de presión e caudal da auga. Mentras isto acontece o goberno municipal utilizou diñeiro da conta restrinxida do convenio asinado cos promotores no seu día para efectuar outros pagos.
Para o BNG “non é de recibo que se estea subindo o prezo da auga e que non estea garantido este servizo. Coma todos os veráns, xa se están dando problemas no caudal de auga, quedando as veciñas e veciños sen este servizo ou cun servizo claramente deficiente durante varias horas ao día. Ademais, tamén volve a estar desbordada a depuradora de Reinante que, como xa acontecera o verán pasado, está vertendo residuos á praia de Arealonga, areal que conta con bandeira azul e que o ano pasado lle fora retirada temporalmente por este mesmo motivo. Ademais, o cheiro que desprende está a causar un grande malestar entre as veciñas e os veciños e os hostaleiros e visitantes da zona”.
A portavoz do BNG Ana Hermida sinalou que “para o BNG é evidente que existe unha carencia de servizos básicos e desde o goberno municipal non se está a actuar para paliar estes problemas. É máis, o instrumento que podería ter o goberno municipal, o convenio asinado cos promotores para facer fronte á mellora destes servizos non se está a executar. E o que é máis grave, estase a destinar ese diñeiro a outros fins, accedendo a unha conta restrinxida e de uso exclusivo para financiar as obras de abastecemento de auga; tal e como o propio Alcalde recoñeceu en pleno ante a pregunta do noso grupo”.
Desde o BNG barreirense explican que “no ano 2006 asinouse un convenio entre Concello e promotores, apoiado por todos os grupos políticos, para que foran os promotores os que asumiran os custes de mellora do servizo de abastecemento de auga, tal e como lle corresponde por lei. En base a este convenio os promotores ingresarían unha cantidade de diñeiro para facer fronte a estes traballos nunha conta que segundo o propio convenio é de carácter restrinxido e ao único efecto de centralizar os ingresos das cantidades pactadas neste documento así como, unha vez realizada a licitación, realizar os correspondentes pagos das obras de ampliación e mellora do subministro de auga, así coma calquera outro derivado da execución dos termos do presente convenio”.
Ermida explicou que “no pleno no que se presentou a liquidación do 2011, detectamos que se dispuxera de diñeiro desa conta; aspecto sobre o que se lle preguntou ao Alcalde e sobre o que el recoñeceu que efectivamente se utilizara ese diñeiro. No pleno do pasado luns volvemos solicitar información sobre qué pagos foron os que se efectuaron con cargo a esa conta, pero non obtivemos resposta concreta. Polo tanto, o goberno municipal está a destinar os cartos dos promotores para mellorar o abastecemento da auga a outros fins, desatendendo esta cuestión, mentres o servizo existente no concello de Barreiros é claramente deficitario e insuficiente para atender a demanda que existe nesta época”.
Os nacionalistas indican que “é fundamental que as veciñas e os veciños teñan garantidos os servizos básicos, tal e como vimos demandando nos últimos anos. E non pode ser que se estea cargando de impostos ás e aos barreirenses e que os servizos que se lles prestan sexan os mesmos e igual de deficitarios que hai trinta anos. Tampouco nos vai servir a argumentación de que hai un convenio asinado coa Xunta para afrontar esas melloras e que o BNG sempre estivo en contra do mesmo, porque as obras de mellora dos servizos non teñen porque pagarse con cartos públicos, senón que deben afrontarse con eses cartos garantidos polo convenio do 2006 que o BNG sí que apoiou para que foran os promotores os que asumiran os custes derivados de tales actuacións. E, en todo caso, é obriga do goberno municipal garantir uns servizos públicos de calidade e máis cando se están a incrementar os prezos que se cobran ás veciñas e veciños polos mesmos”.