Site icon Crónica3.com A Mariña

O CIT de San Cibrao organiza este sábado o XXXI Día do Turista

O XXXI Día do Turista chega cargado de actividades lúdicas, deportivas e culturais para todos os públicos

-Haberá concurso de castelos de area, unha travesía a nado, teatro, degustacións e o Antroido de verán entre outros eventos

Cervo, 2 de agosto de 2012-O Centro de Iniciativas Turísticas de San Ciprián xa ten todo preparado para a celebración do XXXI Día do Turista que terá lugar este sábado durante todo o día. O programa inclúe numerosas actividades lúdicas, deportivas e culturais dirixidas a públicos moi variados e que se desenvolverán en distintas localizacións da vila, dende a praza dos Campos, onde teñen lugar as entregas de premios e outros eventos, pasando pola praia do Torno ou a zona do porto.

O arranque oficial do Día do Turista marcarao o chupinazo, a partir das 10:00 horas. Unha hora despois, San Ciprián empezará empaparase de ambiente festivo coa música do pasarrúas a cargo do grupo de gaitas “Os Farallóns”, que percorrerá as rúas da vila durante toda a mañá e ata o mediodía. Ao mesmo tempo na praza dos Campos estará instalado Mercado de obxectos de segunda man.

Tamén ás 11:00 horas os máis pequenos atoparán entretemento na praia do Torno, onde terá lugar o Concurso de castelos na area, unha das actividades máis tradicionais do Día do Turista que se mantén dende as orixes da creación desta festa. Neste concurso poden participar os nenos e nenas de ata 14 anos, que terán que elaborar figuras e esculturas de area con temática libre. Máis tarde un xurado valorará a súa orixinalidade e a súa execución, e repartiranse os premios nas distintas categorías segundo as idades.

A tarde comezará con deporte, en concreto coa Travesía de Natación Porto de San Ciprián que organiza por primeiro ano o Club Náutico Amigos do Mar. Máis de 40 nadadores federados terán que completar un percorrido de 3.556 metros dende o porto ata unha zona próxima á illa dos Farillós. Trátase dunha proba que puntúa no Circuíto de Travesías de Galicia da Federación Galega de Natación. Esta é a primeira vez que se realiza unha proba deste tipo no litoral das Rías Altas. O percorrido a nado poderá levarse a cabo en caso de que as condicións meteorolóxicas o permitan; en caso contrario, a organización ten previstas varias alternativas.

Máis entrada a tarde haberá tempo para varias actividades lúdico-culturais. Ás 17:30 horas comezará o taller de artesanía do vimbio e ás 18:30 horas a representación de teatro infantil a cargo da compañía Gafacellos cunha peza teatral moi participativa chamada “Teatro con cartón”. Antes, ás 18:00 horas, será momento de repoñer forzas coa degustación de bolos preñados e empanada. Máis tarde, a partir das 21:00 horas, arrincará o cuarto Entroido de verán que organiza a ACIA de San Ciprián e no que se repartirán máis de 1.500 euros en premios. O desfile de disfraces e comparsas sairá da Casa do Mar e percorrerá as rúas da vila.

O Día do Turista é unha das festas con máis tradición no municipio cervense, e que este ano chega á súa edición número 31. No seu momento nacera como unha xornada para homenaxear aos visitantes e turistas que pasan uns días de vacacións na vila, e foi evolucionando co paso dos anos, variando o programa e incluíndo novidades como a xa mencionada travesía a nado ou o IV Antroido de verán, que son posibles grazas á colaboración doutras entidades.

“El Día del Turista es una iniciativa muy positiva para la localidad de San Ciprián, ya que visitantes y turistas se encuentran con un día pensado especialmente para ellos, con actividades muy variadas y que consiguen crear un ambiente festivo que se mantiene desde la mañana hasta la noche” asegura a edil de Turismo, Begoña Alonso. A concelleira recomenda “a todas las persoas que nos visitan” pero tamén aos propios cervenses “a participar en unas actividades con las que queda demostrado que San Ciprián ofrece muchas posibilidades además de su atractivo turístico”.

Exit mobile version