A CALIDADE DAS AUGAS EN TODAS AS PRAIAS DE BURELA É ÓPTIMA. ÉSTE FOI UN DOS ASUNTOS ABORDADOS NA XUNTANZA QUE MANTIVO ESTA MAÑÁ O COMITÉ DE XESTIÓN DOS AREAIS.
Á xuntanza asistiron un representante da empresa Celta Prix, o inspector xefe da Policía Local, responsables de Protección Civil e de Obras do Concello, unha monitora de Gaia, a técnico de medio ambiente e os concelleiros de Obras, Economía e Medio Ambiente.
Segundo explicou a concelleira de Medio Ambiente, Patricia López Eijo, nesta reunión “analizamos cuestións coma as obras realizadas nas praias, procedéuse a rozar as zonas verdes e os accesos aos areais e substituíronse algúns pulsadores das duchas, porque perdían auga. Tamén se procedeu a modificar a ubicación do baño para usuarios con mobilidade reducida, colocándoo máis próximo aos accesos á praia para estas persoas. Ditos usuarios tamén contan desde o pasado sábado coa posibilidade de empregar sillas anfibias nos dous areais con bandeira azul. Anteriormente dispoñíase unicamente dunha, ubicada na praia do Portelo por petición dos propios usuarios. Actualmente existe unha nova silla gracias á colaboración entre o concello e a Cruz Vermella que presta a súa silla e persoal para ocuparese dela”. A edil popular tamén indicou que “se dotou á praia da Marosa dun tabolerio espinal de alta flotabilidade e voltamos a colocar o cartel de prohibido o acceso de cans aos areais na praia do Penoural, porque desaparecera”.
No encontro do comité de xestión das praias tamén se falou de seguridade, “regularmente a Policía Local recorre as zonas de aparcamento e ata o momento non se rexistraron incidencias de consideración. Os nosos efectivos de seguridade tamén están a vixiar que se cumpra a ordenanza municipal de medio ambiente respecto á prohibición do acceso de cans ás praias, entre o 1 de maio e o 31 de outubro, e a obrigatoriedade de recoller os seus excrementos”.
A calificación das augas nas praias de Burela é óptima en todas elas, segundo se desprende das analíticas microbiolóxicas realizadas hai uns días, tal e como comunicaba neste encontro aos asistentes a técnico de medio ambiente do Concello de Burela.