O CONCELLO CONTARÁ DURANTE SEIS MESES CUN BOLSEIRO/A PARA ACTUALIZAR O ARQUIVO MUNICIPAL.
Burela, 8 de agosto de 2012. A Secretaría Xeral de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria envía ao Concello a un bolseiro/a para levar a cabo a actualización do arquivo municipal.
O alcalde, José Mª González Barcia, sinalou que “esa persoa estará aquí seis meses, agardamos que a súa incorporación se produza en setembro. O que terá que facer é poñer en orde toda a documentación que agora mesmo xa hai no arquivo municipal”. Para o rexedor “éste é un traballo importante porque nos vai permitir, tanto aos responsables políticos como aos responsables administrativos de Burela, acceder de forma rápida e eficaz á documentación que se busque, entendendo que se trata tamén de axilizar os trámites de cara ao propio cidadán”.
González Barcia engadiu que “queremos poñer ao día a administración municipal. Creo que é como para estarlle agradecido á Xunta de Galicia que conte co Concello de Burela para que estas persoas que están en fase de prácticas poidan facer a súa actividade con nós”.
A chegada deste bolseiro/a vaia aparellada coa dotación dos correspondentes equipos informáticos e software para levar adiante ese traballo. Segundo explica a Xunta “a organización dos arquivos municipais é unha tarefa iniciada hai anos, que pretende contribuír a protexer e difundir o noso patrimonio documental e facilitar a custodia dos documentos como garantía de dereitos e deberes ao servizo da administración municipal e dos cidadáns”.