Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo cree que corre perigo a ampliación do Museo do Mar de San Cibrao

O Concello advirte á Deputación de que a ampliación do Museo do Mar corre perigo se non inicia a compra dos terreos de inmediato

-O alcalde asegura que é a última oportunidade da administración provincial ante as constantes peticións da propietaria dos terreos para que se completen os trámites que lle permitan para construír un edificio de cinco plantas na mesma parcela que se pretendía adquirir para agrandar o Museo

Cervo, 15 de agosto de 2012-O Concello de Cervo vén de remitir un escrito á Deputación Provincial advertíndolle da urxencia de iniciar a compra dos terreos para ampliar o Museo do Mar. A administración local explica que se non se avanza nos trámites de inmediato, o proxecto de ampliación desta infraestrutura corre o perigo de non poder executarse.

O motivo é un documento achegado ao Concello pola propietaria dos terreos, solicitando a aprobación definitiva do Estudo de detalle que faga posible a construción dun edificio de cinco plantas na mesma parcela na que se pretende ampliar a instalación museística. No mesmo escrito, a dona dos terreos acusa ao alcalde de Cervo de dilatar os trámites intencionadamente e ameázao con recorrer a accións legais.

Á vista dos acontecementos, o Concello transmítelle unha vez máis á Deputación a súa petición de avanzar nas xestións para adquirir a parcela situada ao carón do actual Museo do Mar, nesta ocasión con máis urxencia ca nunca “xa que se trata da última oportunidade da Deputación para facer posible o proxecto de ampliación do Museo do Mar, unha actuación moi anhelada pola sociedade cervense e mariñá pola súa relevancia cultural e patrimonial” asegura o rexedor, Alfonso Villares.

O mandatario cevense lembra que a ampliación do museo utilizando a parcela contigua “é a única forma de dispoñer dunhas instalacións máis grandes e con máis capacidade” xa que “a intención do goberno da Deputación de crear un anexo ao Museo do Mar de madeira e cristal nos terreos actuais estaba máis cerca de ser un caseto pegado a en edificio emblemático que unha ampliación en condicións”. Villares lembra que “esa opción, ademais de inadecuada, quedou totalmente desbotada por motivos técnicos, que impiden facer ningunha construción nin anexo na parcela actual”.

No escrito enviado recentemente á Deputación e aprobado en Xunta de Goberno Local, o Concello pídelle á administración provincial que dea unha resposta na maior brevidade posible e, en todo caso, antes do prazo dun mes, achegando información sobre a fase na que se atopan as negociacións coa propietaria da parcela anexa e en que fase está a ampliación do Museo.

A pretensión de ampliar o Museo do Mar é un desexo da sociedade cervense e mariñá que vén de anos atrás. Foi no 2005 cando o pleno da corporación cervense acordou por unanimidade solicitar á Deputación o inicio dos trámites para levar a cabo o proxecto. “Naqueles momentos os grupos do PSOE e do BNG na Deputación atopábanse na oposición e amosáronse moi interesados na ampliación, pero cando chegaron ao goberno provincial esquecéronse do seu compromiso con esta instalación e deixaron pasar os anos” engade Villares. En todo este tempo “dende o Concello estivemos pedindo información sobre o estado do proxecto e das negociacións coa propietaria e solicitando en numerosas ocasións que se deran pasos na ampliación” engade o rexedor.

Villares asegura que “se a Deputación non actúa de inmediato, Cervo, toda a Mariña e incluso Galicia terá perdido a oportunidade de contar cun Museo do Mar cunhas instalacións amplas e que podan acoller importantes mostras da nosa historia e tradición mariñeira e marítima” e incluso “teriamos desperdiciado a posibilidade de que este centro se converta nun referente cultural e histórico”.

Exit mobile version