Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno de Burela afirma que as augas das prais do concello son aptas para o baño

O EQUIPO DE GOBERNO AFIRMA QUE OS RESULTADOS DAS ANALÍTICAS DA AUGA DIN QUE TODAS AS PRAIAS SON APTAS PARA O BAÑO E QUE NON HAI RISCO PARA OS USUARIOS DAS MESMAS. OS POPULARES SINALAN QUE “OS CONTEDORES LAVÁRONSE A PRINCIPIOS DE VERÁN E LAVARÁNSE A FINAIS DO VERÁN, COMA SEMPRE”.

Burela, 20 de agosto de 2012. O equipo de goberno do Concello de Burela saíu hoxe ao paso do manifestado polo PSOE local sobre o estado da auga das praias e outras cuestións de carácter medioambiental. Os populares aseguran que “os socialistas son irresponsables, tapan as súas carencias tentando sementar dúbidas entre a cidadanía”.

“Dos seis controis que se levan feito ata o momento no que vai de verán, A Marosa, Ril e O Cantiño deron sempre un resultado excelente (óptimo para o baño); Portelo deu en cinco ocasións excelente e un bo (apto para o baño); e no caso de Penoural deu unha vez excelente e cinco bo. Estes datos son públicos e os socialistas poden coñecelos, por exemplo, asistindo ao comité de xestión de praias, como o que se celebrou o pasado luns día trece de agosto, reunión á que non acudiu ningún representante do PSOE, o que demostra o interese que teñen por este asunto”, indican desde o Grupo Municipal do PP.

O equipo de goberno burelés afirma que “segundo eses resultados, no que vai de verán todas as praias foron aptas para o baño, e polo tanto non hai risco para a saúde das persoas. Dicir outra cousa ademais dunha irresponsabilidade, é unha mentira, e iso é o que fai o PSOE, que só pretende tapar as súas carencias de traballo e de adicación ao Concello sementando dúbidas entre a cidadanía, e que por tratarse de asuntos vencellados coa saúde demostran que a calidade humana e política dos socialistas é igual a cero. Con tal de desgastar ao PP, son capaces de dicir que as persoas que se bañan nas praias do noso concello están en situación de risco”.

Os populares no concello burelés tamén fan mención ao estado do porto, concretamente na antiga praia, e afirman que “a limpeza da mesma é competencia de Portos de Galicia, que xa é coñecedora da situación e agardamos que a empresa que fai a limpeza do recinto portuario actúe en consecuencia. De todas formas, o PSOE non se pode chufar, porque con bipartitos na Xunta e no Concello o estado da limpeza portuaria era ostensiblemente peor”.

En canto á limpeza dos contedores de lixo, desde o goberno municipal burelés afirman que, “seguindo o estipulado no contrato asinado entre o Concello e a empresa, e tal e como se fixo sempre, incluso durante os anos do bipartito, os contedores limpáronse pasadas as festas de Burela e limparanse cando se remate o verán, en setembro”. Sobre o funcionamento das duchas e lavapés das praias “os populares din que cando se detectaron problemas de funcionamento hai unhas semanas procedeuse á substitución ou reparacións dos pulsadores das duchas e lavapés dos areais do Portelo e A Marosa”.

Segundo o Grupo Municipal Popular, “nós non imos calar a boca ante as críticas do PSOE, porque aínda que somos goberno non está de máis recordarlle ós cidadáns os fiascos destes señores. E neste caso os socialistas non poden dar exemplo nin en xestión de praias nin noutros aspectos medio ambientais: chega con lembrar que perderon a bandeira azul de Ril á primeira de cambio, que houbo problemas serios de contaminación ambiental na Praia de Portelo durante o seu mandato, e que nos deixaron de herdanza un emisario roto que houbo que arranxar en xullo do ano pasado cun custo para todos os cidadáns de trinta mil euros. Ademais de irresponsables, pretenden facernos tontos e quedar eles de bos, e iso non o permitiremos”.

Exit mobile version