Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno de Burela afirma que destina un total de 128.126 euros á área de Deportes no ano de 2012

BURELA DESTINA 130.000 EUROS PARA DEPORTES EN 2012. O EQUIPO DE GOBERNO DESTACA A GRATUIDADE DAS ESCOLAS DEPORTIVAS QUE DEPENDEN DO CONCELLO E DIN QUE “CO BIPARTITO, OS PAIS DE DITAS ESCOLAS SUBVENCIONADAS CON FONDOS PÚBLICOS TIÑAN QUE PAGAR”.

Burela, 11 de agosto de 2012. O Concello de Burela destina durante o presente exercizo de 2012 un total de 128.126 euros á área de Deportes, “o que supón un esforzo importante nos momentos económicos que estamos a vivir”. O equipo de goberno do PP fixo esta afirmación logo de coñecer a nota de prensa feita pública polo PSOE burelés.

Para o equipo de goberno, “resulta lamentable que os socialistas se preocupen agora polo deporte, cando durante catro anos nin cortaron nin pincharon, xa que con tal de ter a alcaldía deixaron os deportes nas mans dos seus socios; pedir agora a dimisión da concelleira de Deportes non deixa de ser unha cortina de fume que esconde as propias carencias de traballo que tén o PSOE a nivel municipal”.

Segundo os populares, “dous aspectos son os que hai destacar dentro da política deportiva que está a seguir o Concello: por un lado, a promoción do deporte desde o propio Concello, e por outro o coidado das instalacións da Marosa”.

No que se refire ás escolas deportivas municipais, “o Concello mantén o carácter absolutamente gratuito das mesmas, e o manterá mentres se poida manter. Nas mesmas abárcanse o tenis, o patín lúdico, o bádminton, o tenis de mesa e os xogos tradicionais; este ano incorporáronse como novidades o ballet e a patinaxe artística, que entre as dúas actividades contan con noventa participantes”. Ademais, desde o goberno municipal lembran que este ano colaborouse coa Escola de Baile Goldance, coa Escola de Ximnasia Rítmica e co Clube de Tenis de Mesa, clube de tenis que nace dun curso apoiado polo concello. Os populares entenden que “esto é apoiar o deporte de base”.

Segundo o equipo do goberno, “durante o bipartito, as escolas deportivas municipais, que tanto traballo costara poñelas en marcha na etapa anterior de goberno do PP, foron desmontadas aos poucos meses, pero de forma e maneira que os pais tiveron que pagar por escolas deportivas que estaban subvencionadas polo Concello, e queremos lembrar que nos convenios quedaba claro que éstas terían carácter gratuito; polo tanto, quenes consentiron tal cousa non poden dar leccións de nada”.

O goberno municipal burelés tamén aludiu ás instalacións da Marosa e afirma que “cando chegamos ao Concello hai catorce meses, o caos era total e as deficiencias moitas. Desde hai doce meses, hai un operario municipal todos os días no recinto da Marosa para levar a cabo o mantemento e conservación de todas as instalacións, incluidas o campo artificial, o que tén significado unnha importante mellora en ditas instalacións”.

Finalmente, os populares aseguran que “os clubes son conscientes da situación económica que se está a vivir, pero tamén saben que o Concello, na medida das súas posibilidades, colabora e axuda para que se poida seguir fomentando o deporte de base. O que non faremos nunca será asinar convenios que non tiñan consignación presupostaria e que polo tanto tardaban en pagarse máis dun ano, de forma que o derradeiro que asinaron tivo logo que pagalo o actual equipo de goberno”.

Exit mobile version